SanidadeÚltima hora

Charla sobre a preparación á lactancia materna, o 23 de maio no Barco

Esta acción divulgativa será organizada por De Nai a Nai e terá lugar ás 18h. no local da asociación

Imaxe do cartel informativo sobre a charla que De Nai a Nai impartirá o día 23 no Barco./ Foto: A.R.

Está considerado como o mellor xeito de alimentar a un bebé. Ademais, a lactancia materna xera un vínculo moi especial entre nai e fillo. Co fin de achegar información básica sobre a lactación ás futuras nais e ás persoas que as van a acompañar nos primeiros momentos da súa maternidade, De Nai a Nai (asociación barquense de apoio á lactancia materna e á crianza con apego) organizará o vindeiro 23 de maio ás 18h. a charla-coloquio “Preparación á Lactancia Materna”. Impartirase no seu local, na Casa da Xuventude nº 6, 4º andar, no Barco.

“Falaremos sobre o funcionamiento e a composición do leite materno. Tamén sobre os signos que indican que o bebé está mamando de maneira óptima, desmontaremos mitos e ofreceremos recursos para resolver os problemas máis frecuentes nos inicios da lactancia”, adianta a presidenta da asociación De Nai a Nai, Lorena Prada.

Nesta charla tamén se fará fincapé na importancia do papel do pai e do entorno “en relación co éxito e duración da mesma. Queremos transmitirlle ás nais á necesidade de que escoiten ao seu instinto e que o sigan. Queremos que descubran as súas propias ferramentas, as que a cada unha lle funcionen para a volta ao traballo, ou para resolver a súa vida cotiá”, comenta Lorena Prada.

Ademais a presidenta de De Nai a Nai sinala que con este tipo de accións divulgativas “queremos que as nais saiban que dende a asociación estaremos orientándoas e axudándoas cando o precisen”.

Artigos relacionados

Back to top button