SanidadeÚltima hora

Charla sobre “Sanidade, dereito ou negocio” no Barco

Este acto, que tiña lugar na tarde do 9 de outubro, foi promovido pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras

A sociedade ten nas súas mans a posibilidade de “recuperar a sanidade como dereito”. Era a mensaxe común que lanzaban os relatores participantes na charla-coloquio “Sanidade dereito ou negocio?”, que se celebraba na tarde do 9 de outubro no salón de actos do edificio multiusos do Barco e que estaba promovida pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras

O turno de intervencións, ao que ía dando paso o concelleiro de Sanidade barquense, Orlando Saavedra; abríase cun dos membros da plataforma valdeorresa, Jesús Vilásanchez, quen se refería á situación que presenta o Hospital Comarcal Valdeorras e advertía de que “imos ter un grandísimo ambulatorio, pero non imos ter un hospital”.

De seguido, o médico Miguel G. Buitrón expoñía a ponencia “Sanidade pública: equilibrio e progreso social”. Comezaba incidindo en que nestes últimos catro anos “temos vivido un deterioro do sistema sanitario” e en que se aproveitou a situación de crise para “cambiar a orientación dese sistema sanitario. Como a cidadanía non se mobilice en defensa del, está abocado ao deterioro porque o sistema vixente político quere a privatización da sanidade pública”. Para o doutor Buitrón “un sistema sanitario público e solidario é un ben social imprescindible”.

Tamén participaba nesta charla a deputada socialista no Parlamento de Galicia María Carmen Acuña, quen aludía ao Real Decreto 16/2012 de 20 de abril, aprobado polo goberno de Mariano Rajoy en abril de 2012. “Ata ese Real Decreto a saúde era un dereito ligado á condición de cidadán e a partir de aí é un dereito ligado á condición de asegurado”. Tamén resaltaba a espera de seis anos para recibir o novo TAC no Hospital Comarcal Valdeorras.

Nunha liña semellante se manifestaba o avogado Miguel Ángel Jiménez no seu relatorio na temática “O soño americano”, no que volvía ao RD 16/2012. “Este é un modelo neoconservador, o modelo americano”. E a partir de aí facía unha comparativa entre a sanidade española e a dos Estados Unidos tendo en conta custes e beneficios. “O modelo americano ten uns custes altísimos e unhas consecuencias de desigualdade enormes, xa que o 70% da poboación queda fóra da cobertura sanitaria pública”, subliñaba.

Ademais, a charla completábase coas intervencións das presidentas das asociacións DISVALIA e a de FFIBROVAL, que contaban a súa experiencia e resaltaban a problemática, tanto persoal como económica, que xera o feito de que os pacientes valdeorreses teñan que desprazarse a Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button