ConcellosÚltima hora

Charla sobre voluntariado europeo na Pobra de Trives

Promovido por Amigos da Terra, o acto informativo terá lugar mañá, 27 de setembro, no Concello
Cartaz promocional da charla de Amigos da Terra sobre voluntariado.
Cartaz promocional da charla de Amigos da Terra sobre voluntariado.

O técnico de Amigos da Terra, Ángel Dorrio e a voluntaria holandesa, Kelly Goris achegaranse mañá, martes 27 de setembro, ata a Pobra de Trives par dar unha charla informativa sobre o servizo do voluntariado europeo, da man de Amigos da Terra en colaboración co Concello trivés.

O acto enmárcase no proxecto de promoción entre a mocidade galega do  Servizo Voluntario Europeo (SVE) que Amigos da Terra está levando a cabo. Un programa que, tal como explican dende a asociación con anos de experiencia na xestión deste tipo de voluntariado “fomenta a mobilidade dos mozos e mozas europeas para que coñezan as diferentes realidades doutros países participando en iniciativas sociais, artísticas, culturais, do patrimonio ou medio ambiente”.

Con este voluntariado no estranxeiro “non só se trata de desfrutar dunha experiencia persoal única se non que se adquiren coñecementos e se fortalecen habilidades claves que son altamente valoradas polas empresas”, din dende Amigos da Terra, conscientes de que “é practicamente descoñecido entre a mocidade e incluso entre as entidades, xa que en Galicia apenas existen organizacións tanto de envío como de acollida”.

Por iso, a través do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, vanse levar a cabo distintas presentacións nos concellos cabeceiras das comarcas do sur de Galicia ata mediados de outubro.  Nestas charlas levarase a cabo un primeiro achegamento ao SVE, as súas vantaxes, os requisitos de participación, a duración, as actividades que se poden levar a cabo e as condicións de financiamento. Tamén se contará coa testemuña de Kelly Goris, de Holanda, que achegará a súa vivencia como voluntaria na asociación. A charla da Pobra de Trives será no Salón de Actos do Concello ás 19 horas.

Artigos relacionados

Back to top button