CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Charlas e sesións prácticas na IX Semana da Orientación do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

O acto central tiña lugar o 16 de abril e as xornadas continuarán de cara aos meses de maio e xuño

Ofrecer aos alumnos de Bacharelato e 4º da ESO, a posibilidade de coñecer de primeira man os plans de estudos das diferentes universidades galegas, doutras comunidades e incluso países como Portugal, é o obxectivo da Semana da Orientación que o IES Carlos Casares de Viana do Bolo organiza dende hai case unha década.

A inauguración da IX edición das xornadas tiña lugar na mañá 16 de abril no salón de actos do instituto vianés, contando coa presenza do director do centro, Carlos Ferreiro; do orientador, Plácido Blanco; do inspector, Roberto Cid; do alcalde de Viana, Secundino Fernández; e da xefa territorial de Educación de Ourense, Luz Fernández.

O acto contou asemade con representantes das Universidades da Coruña, Santiago, Vigo e Navarra así como da Universidade en Portugal e da Universidade Europea de Madrid, e os alumnos tiveron a oportunidade de coñecer as ofertas da Formación Profesional en Galicia (da man de profesorado do IES Xermán Ancochea de Trives), cun obradoiro de Electrotécnica; ou o funcionamento das diferentes plataformas dixitais na procura do primeiro emprego (infojobs, skype, linkedin,…)

 

Vista aérea do instituto de Viana do Bolo dende un dron.

Entre os asistentes a esta primeira  xornada estiveron Pablo Alonso, enxeñeiro de Camiños e ex alumno do instituto, que aportou a súa experiencia; e o coordinador de Iris Drone Specialists que falou sobre “o drone e o futuro” cunha demostración práctica.

Os actos de orientación continuarán no mes de maio coa visita guiada ao centro para o futuro alumnado de Bacharelato procedente do CPI Laureano Prieto da Gudiña, a cargo do vicedirector Ovidio Villar; e o acto de acollida do alumnado de ESO procedentes dos CEIPs de Viana, Vilariño e A Veiga, a cargo do xefe de Estudos Luis Felipe. E xa en xuño, haberá máis información sobre Bacharelatos e FP, a cargo da secretaria e do director Susana Fernández e Carlos Ferreiro;  así como exploración psicopedagóxica a cargo do orientador, Plácido Blanco.

Fotos: IES Carlos Casares.

Artigos relacionados

Back to top button