EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Chechu Salgado, pregoeiro da XLII Feira do Viño de Amandi: “Eu son froito desta terra”

Sober vive a segunda xornada desta mostra co pregón, actuacións musicais e entrega de premios aos viños premiados na cata oficial

 

“Eu son froito desta terra”. Así iniciaba o actor Chechu Salgado o seu pregón este Domingo de Ramos na XLII Feira do Viño de Amandi, nunha abarrotada praza de Sober. “Eu nacín aquí e con esta chuvia e este sol fun madurando. Nesta praza aprendín a andar, a xogar, a bailar , a caerme e a levantarme sempre coa atenta mirada dende esa ventá da miña avoa da Mila, e da Lala e dos meus tíos e por suposto dos meus pais. Aquí pasei os mellores veráns da miña vida, bañándome no Cabe e no Sil. Recorrendo a Ribeira Sacra. Recorrendo os lugares que marcaran a miña infancia e a miña vida. Aprendendo a recoñecer os aires da miña terra e conformando, sen sábelo, ese lugar tan necesario o que todos, nalgún momento, necesitamos volver. As nosas raíces”.

Moi honrado por ter sido escollido como pregoeiro, Salgado aseguraba que “nin nos soños máis profundos aparecían da man un Goya e o pregón da feira do viño de Amandi, do meu fogar”. O seu pregón, presentado pola xornalista valdeorresa Manola Porto e que contaba coa asistencia de numerosas autoridades, era unha das referencias desta segunda xornada desta mostra vitivinícola en Sober, na que tamén ofrecía un concerto a Banda de Música local e se entrgan aos premios dos premios distinguidos na cata oficial da feira.

Os galardoados eran os seguinte viños:

Rosado: Regina Viarum Rosae 2021

Branco: Imbrice 2021

Tinto Xoven:
Rectoral de Amandi Mencía 2021
Rectoral Gundivós Amboa 2021
Don Bernardino Mencía 2021

Outra anadas: Don Bernardino 4Generación 2018

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, valoraba de maneira moi positiva esta edición e poñía en valor este evento cultural e vitivinícola. “Esta celebración contribúe a acrecentar o coñecemento e aprecio dos viños desta subzona da Ribeira Sacra, que xunto coa Olería de Gundivós e un extraordinario e diverso patrimonio natural, artístico e cultural, fan deste concello un referente no Turismo de Galicia e un emblema no Turismo da Ribeira Sacra. Sober obstenta con todo merecemento a distinción de Concello de Interese Turístico e a súa Rede de Miradoiros conta coa Q de calidade como espazo público singular”.

O rexedor tamén facía memoria, indicando que “esta festa, que cumpre 42 anos, foi declarada Festa de Interese Turístico en 1999 e mantense grazas a vós, colleiteiras e colleiteiros de AMANDI que traballades nas vosas viñas e elaborades nas vosas adegas un producto único que triunfa alternándose cos mellores viños do mundo. O viño da Ribeira Sacra en xeral e o de Amandi en particular están en continuo progreso grazas ao traballo e bo facer de moita xente do mundo da viticultura e da enoloxía que apostaron por este territorio e atoparon viticultores e adegueiros que souberon adaptarse aos novos tempos e ás demandas do mercado. O certo é que, con xente coma a da Ribeira Sacra e un territorio excepcional como o noso, as cousas son máis doadas”.

Fernández Guitián amosaba o seu agradecemento a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta edición e aludía ao conflito bélico que se vive nestes momentos en Europa. “En Sober estamos de festa, pero non debemos esquecer que noutros lugares do mundo sucede o contrario: están en guerra. E as guerras son moi inxustas porque acaban con vidas humanas. Oxalá que os nosos brindes co mellor viño do mundo sirvan para devolver a cordura a eses seres inhumanos que provocan os conflitos”.

Pola tarde poderase seguir desfrutandos do viños no recinto feiral e, ademais, tocará a charanga NBA e, como broche, haberá baile coa orquestra Los Satélites a partir das 19:30h.

Fotos: cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button