En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Chega a “Noite Branca”, tarde e noite de festa no comercio e na hostalaría barquense o 22 de xuño

Esta iniciativa, promovida polo CCA, incluirá descontos dun 20%, degustacións e animación musical na rúa a partires das 20h. do vindeiro venres

Un total de 30 establecementos comerciais e de hostalaría engalanaranse o vindeiro 22 de xuño para celebrar a “Noite Branca”, unha iniciativa que promove dende hai xa cinco anos O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) nesta vila. Os locais decoraranse de xeito especial e identificativo no seu exterior, ofreceranse degustacións de diversos produtos gastronómicos e bebidas, haberá descontos, ampliarase o horario de apertura ata a medianoite, música na rúa…

Así o adiantaba a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, na presentación do programa desta campaña que tiña lugar na mañá do 19 de xuño. Os actoss arrancarán ás 20:30h. do 22 de xuño cunha actuación de zumba das Escolas Muncipais de Deportes na praza Andrés de Prada. Comezarán ademais as degustacións e a aplicación dos descontos nos comercios (dende ás 20h.). A partires das nove as rúas animaranse co ritmo de dúas charangas, Mekánika e Támega, tal e como indicaba Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”, que colabora coa organización e que acompañaba a Sandra Moldes na rolda de prensa.

Esta iniciativa busca aproveitar as noites do verán na vila para ofrecer descontos dun 20% nos produtos e “animar aos veciños a saír ás rúas a coñecer os comercios e desfrutar das actividades gratuítas”, engadía Moldes. Ademais do comercio, á “Noite Branca” sumarase a hostalaría coa participación de cinco establecementos: A Larpeira, o Divino Paseo, o Vinum, o Restaurante Piquiño e A Maltería. Neles haberá degustacións dun “pincho especial Noite Branca”.

Ademais ás persoas que merquen en cada un dos comercios participantes recibirán unha nova bolsa en papel promocional do CCA. Repartíronse 50 por cada local. O Barco CCA editou ademais un tríptico informativo no que pode atoparse información sobre as actividades da “Noite Branca”, así como un mapa de localización dos 30 establecementos participantes co seu enderezo.

Fotos: A.R.

Establecementos participantes na “Noite Branca” do CCA.

Artigos relacionados

Back to top button