En portadaÚltima hora

Chega a Ourense a mostra homenaxe á Xeración Nós

A exposición "Galicia de Nós a nós" poderá verse ata o 18 de abril no Centro Cultural Marcos Varcárcel e na sala de exposicións Afundación

 

Dende hoxe e ata o vindeiro 18 de abril, a exposición Galicia, de Nós a nós poderá verse en dous espazos expositivos da cidade de Ourense: o Centro Cultural Marcos Valcárcel (onde era inaugurada por parte dos presidentes da Xunta e da Deputación) e a sala de exposicións de Afundación, na praza Maior.

Trátase da mostra máis completa -300 pezas- sobre o movemento cultural, político e social “máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista”, destacou Baltar no acto inaugural, afirmando que esta exposición “pon en valor o gran legado da Xeración Nós, hoxe 24 de febreiro, cando se cumpren 100 anos e 111 días de aparición do primeiro número da revista Nós, e tamén se cumpren 184 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Ela, xunto con Curros Enríquez e Eduardo Pondal foron as voces cimeiras do Rexurdimento, aló polo século XIX, desta Nación Cultural á que chamamos Galicia, e hoxe falamos das voces cimeiras deste segundo Rexurdimento, que foi a Xeración Nós, aló polo comezo do século XX; o fixeron posible: Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Castelao…, as voces e os feitos dos de Nós”.

“Un brillante traballo de investigación e de interpretación da nosa memoria”, así definiu Baltar a exposición, poñendo de relevo tamén a figura “dun dos integrantes desa Xeración Nós como foi Antón Losada Diéguez, redactor da revista e promotor dela na sombra, e a quen o seu biógrafo, Justo Beramendi, definiu como “o esquecido mentor da Xeración Nós”; “un Losada Diéguez que traballou xunto aos demais homes de Nós nunha idea renovadora de Galicia, e a súa semente agromou no Seminario de Estudos Galegos, que acolleu á nova xeración de escritores e investigadores, e no Partido Galeguista e o seu traballo polo Estatuto de Autonomía de Galicia, un traballo que se viu parado o 18 de xullo, co golpe de Estado; pero un estatuto que temos hoxe e, sen dúbida, somos herdeiros de Nós. E esa “marca da nosa personalidade diferencia”, como eu a defino, permanece, expresou Baltar.

 

 

A exposición amosa a traxectoria do movemento Nós xunto con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, remarcando a dimensión de universalidade da cultura galega. Tamén destaca o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento e internacionalización da lingua e da cultura galegas.

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo dixo que esta exposición “non é tanto un regreso a casa, como un reencontro. Ourense sempre estivo con Nós a través de Risco, Pedrayo, Cuevillas, un cenáculo de nomes propios que catapultaron unha urbe de provincia á categoría dunha “Atenas Atlántica” Miño arriba”, e salientou que ademais da colección íntegra da revista Nós, “a mostra exhibe máis das 300 pezas cedidas por máis de 60 institucións e prestadores particulares”.

Artigos relacionados

Back to top button