OurenseÚltima hora

Chega a Ourense a mostra itinerante sobre o Camiño que transforma contedores de barco en salas de proxección

O fotógrafo ourensán Iván Nespereira e o coruñés Luis Díaz Díaz impartirán un obradoiro o venres 14 e o sábado 15 de xaneiro no Arquivo Histórico Provincial

 

A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño chega este venres a Ourense, cunha programación cultural paralela que inclúe actividades a cargo de varios artistas participantes.

A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a iniciativa chega á cidade das Burgas tras o seu paso pola Coruña e Lugo, achegando diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de 10 artistas de primeiro nivel do eido fotográfico e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados. Algúns deles participarán nas actividades complementaria.

 

 

Así, o fotógrafo ourensán Iván Nespereira e o coruñés Luis Díaz Díaz serán os protagonistas dun obradoiro o venres 14 e o sábado 15 de xaneiro no Arquivo Histórico Provincial. A través do obradoiro, que se desenvolverá de 16 a 20 horas na primeira xornada, e de 10 a 14 horas na segunda, os autores afondarán na súa metodoloxía e referentes e traballarán co material das persoas participantes que queiran compartilo. O obxectivo é facer dinámicas de creación e reflexión colectiva sobre os procesos dun proxecto fotográfico e artístico. Para asistir é preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico arq.prov.ourense@xunta.es, indicando o nome, idade, profesión e unha breve explicación das motivacións para participar na actividade, así como o compromiso de permanecer nas dúas sesións. O número de prazas está limitado a 10.

 

 

Os obradoiros complétanse cunha conferencia aberta ao público na que ambos artistas presentarán os seus traballos. A cita terá lugar tamén o venres a partir das 20 no Arquivo Histórico Provincial.

A exposición permanecerá na praza Bispo Cesáreo de Ourense do 14 de xaneiro ao 14 de marzo.

 

Artigos relacionados

Back to top button