A RúaConcellosÚltima hora

Chega á Rúa o ciclista de Almendralexo Pedro Hierro, que seguirá o Camiño de Inverno ata Santiago

Este peregrino saía de Cádiz o 1 de xullo nun reto solidario que pretende finalizar o vindeiro 15 de xullo en Compostela

Publicidade

 

O ciclista de Pedro Hierro del Hoyo, natural de Almendralexo, que está a facer o Camiño de Santiago dende Cádiz cun fin solidario chegaba pasadas ás 13h. deste 12 de xullo á Rúa. O seu obxectivo é recadar fondos para AFIBROAL (Asociación de Fibromialxia e Fátiga Crónica de Almendralexo).

Era unha hora máis tarde do inicialmente previsto, xa que sufría un inesperado pinchazo no Puente de Domingo Flórez. Ao chegar á Rúa era recibido na escaleira súa Casa Consitorial por unha representación da Corporación ruesa (encabezada polo concelleiro José Vicente Solarat, e da que formaban parte edís do grupo do goberno e do partido socialista), a onde chegaba acompañado pola Policía Local da Rúa.

Esta parada responde ao vínculo que existe dende hai varias décadas entre A Rúa e a cidade estremeña, “para fomentar o irmanamento e a unión que hai entre estes dous pobos”, dicía o ciclista. E así o destacaba tamén José Vicente Solarat, resaltando tamén o carácter benéfico desta peregrinaxe, “partiu de Cádiz o día 1 de xullo e decidiu desviar a súa ruta cara A Rúa para coñecer o pobo irmán de Almendralexo, e polo tanto, non temos nada máis que agradecer esa lealtade e ese compromiso, ademais desexarche moita sorte e un feliz Camiño”. Ademais o Concello entregáballe un agasallo.

Palabras tamén de agradecemento de Pedro Hierro tanto por este “detalle e como pola acollida tan boa que me destes. Estou encantado de pasar por aquí, para min é unha honra vir como “embaixador” de Almendralexo e fomentar o irmanamento que temos entre ambos pobos, que dure moitísimos anos máis”, dicía.

 

 

O acto contaba tamén coa asistencia da delegada en Valdeorras da AGAFI, a Asociación de Fibromialxia de Galicia, quen lle indicaba que á súa chegada a Santiago será recibido por unha representación desta entidade e tamén lle agradecía que estea dando visibilidade a esta enfermidade con este xesto solidario.

Verbas así mesmo da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, que acudía á recepción acompañada por outros representantes da entidade. “Isto chéganos á alma, e a min particularmente”, dicía emocionada, “este detalle agradézollo moitísimo”. Ademais esta asociación entregáballe a Pedro Hierro “unha guía do Camiño de Inverno que explica que atallos podes tomar para terminar en Lalín e logo en Santiago, e tamén para que promociones o Camiño de Inverno”.

A recepción, que se desenvolvía no salón de actos do Concello da Rúa tamén contaba coa asistencia de representantes de asociacións de veciños da Rúa e coa do presidente do Centro Galego de Ponferrada, que é valdeorrés.

 

 

O ciclista descansará esta tarde e aproveitará para coñecer A Rúa e, xa mañá, continuará traxecto ata Santiago de Compostela seguindo o Camiño de Inverno, de cuxa primeira etapa destacaba a súa beleza, pero tamén a súa dureza.

O reto solidario: 1.100 km en 15 días

Este é a terceira ocasión na que Pedro Hierro fai o Camiño de Santiago, a segunda cun fin benéfico. “Cando era máis pequeno fixen o Camiño Portugués co colexio e iso puxo unha semente, espertou ese entusiasmo que teño polo Camiño e sabía que nalgún momento tiña que volver a repetilo. O ano pasado propuxenme realizar o Camiño e fíxeno dende o meu pobo 800 km andando, saín o 1 de xullo e cheguei o 22 de xullo a Santiago, 22 días que foron moi duros, xa sabemos que na Vía da Prata as temperaturas son moi duras, e entrei polo Camiño Sanabrés e logo pola provincia de Ourense. É foi un camiño moi bonito e foi para recadar fondos para a Asocación Oncolóxica Terra de Barros”, lembra, matizando que esa peregrinación constituía tamén unha homenaxe á súa tía, que falecía un par de anos antes de cancro.

 

 

“Aí xa se espertou outro momento solidario meu, o intentar en próximos anos facer camiños diferentes para axudar a asociacións diferentes. E este ano propuxéronme realizalo para a Asociación de Fibromialxia e Fátiga Crónica de Almendralexo e estou encantado de facelo e de axudalos dándolle visibilidade. Xa levamos preto de 4.000 euros recaudados, cuadriplicamos o que recaudanos o ano pasado. Entón estou moi contento”, conta este peregrino.

Ademais, unha vez complete este traxecto, a súa intención é continuar en próximos anos facendo novas rutas para axudar a outras entidades benéficas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button