EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Chega a XXXIII Feira do Viño de Quiroga

No recinto feiral, que abrirá o 4 de abril, poderán degustarse os caldos de dez colleiteiros
Un dos expositores da pasada edición da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos expositores da pasada edición da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

Coa XI Carreira Popular Feira do Viño (organizada pola área de Deportes do Concello) como limiar, poñíase en marcha a XXXIII Feira do Viño de Quiroga. Sen embargo non será ata a fin de semana cando se entrará na mostra propiamente dita.

A inauguración do recinto feiral, que se instalará no centro da localidade, está programada para o día 4 de abril ás 18:15h. e correrá a cargo do secretario xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Severino Álvarez. Nesta ocasión na mostra poderán degustarse os viños de dez colleiteiros: Antonio García, Xosé Luis Rodríguez e Antonio Vázquez (de San Xulián de Abaixo), María Oliva Cao (Bendollo), Elías González (Carballo de Hospital), Gaspar Álvarez (As Medas), Alfonso Núñez (Novaes), Héctor Enríquez (Pacios de Mondelo), Antonio Castro (San Vitoiro) e Ceferino González (Bendilló).

De seguido cobrarán protagonismo a música e os grupos locais. Primeiro actuará a formación de gaitas “Os do Recanto” (que tamén dará un pasarrúas pola mañá) e logo, xa no auditorio municipal, subiranse ao escenario a Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de gaitas “San Martiño” e os grupos de danza “San Martiño” e “Arume de Queiruga”. Tamén se procederá a entrega de premios do XI Certame “Cartas de amor vila de Quiroga”, convocado pola área de Xuventude.

Ás 20:30h. voltarase á zona do palco para poder escoitar á pregoeira da feira, que nesta ocasión será Rocío Carrasco, filla da cantante Rocío Jurado. Despois haberá festa co grupo “Mosaico”, cunha pequena paréntese ás 21:15h. para a entrega de premios do V Concurso de Camisetas “Feira do Viño”, no palco.

Ao longo do 5 de abril continuarán as degustacións de viño, tamén actuará a charanga Madialeva e o Concello, organizador da mostra, fará entrega dos trofeos aos colleiteiros.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button