ConcellosÚltima hora

A CHMS explica o novo Plan Especial da Seca á Xunta de Goberno e ao Consello da Auga

O presidente do organismo de Conca, Francisco Marín, instou aos concellos galegos de máis de 20.000 habitantes a que acheguen os seus plans contra a seca
Francisco Marín. // Foto: Carlos Asensio.

O Consello da Auga e a Xunta de Goberno da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) xuntouse hoxe, 13 de decembro, no salón de actos Marie Curie do Campus de Ourense. O presidente do organismo de Conca, Francisco Marín, deu contas a estes dous organismos, “de representación de usuarios e Goberno”, explicou, sobre o estado actual da demarcación hidrográfica que actualmente está “en prealerta por seca”, explicou.

A pesar das choivas traídas polo furacán “Ana”, Marín apuntou que este ano hidrolóxico que entra (2017-2018) “pasou de moi malo a só malo”. En concreto dixo que no ciclo anterior as precipitacións medias descenderon nun 40%, mentres que neste ciclo “a situación era moi mala” cunha redución do 65%.

Por este motivo, informou a estes dous organismos de Goberno sobre o novo Plan Especial de actuacións en situacións de alerta por seca, “que sairá no BOE a consulta pública a finais deste mes”, dixo, e que incorpora certas melloras con respecto ao Plan Especial vixente, que data do 2007. En canto as novidades, o presidente salientou que permitirán anticiparse e facer unha mellor xestión fronte a fenómenos extremos.

Asemade, engadiu que recolle un novo sistema de indicadores “máis fiables e adaptados ao territorio” xa que os índices galegos “son moi diferentes respecto a outros puntos do Estado”, recalcou. Deste xeito, asegurou que agora vanse centrar en facer análises da cantidade de auga nos encoros e a situación dos caudais hidrolóxicos no caso de que haxa seca e, chegados ao punto da escaseza de auga, van facer atención no abastecemento da augas para consumo humano, regadío e usos industriais.

Marín tamén adiantou que na xuntanza fixeron simulacros con estes novos indicadores e asegurou que, des seguires coas mesmas precipitacións ca no 16-17, a zona de regantes do val do Lemos (Lugo) “poderían ter problemas de abastecemento no vindeiro verán”.

Chamada de atención

Así é todo, ao termo da xuntanza, Francisco Marín quixo facer unha chamada de atención aos concellos galegos de máis de 20.000 habitantes dependentes da conca Miño-Sil “a que se poñan as pilas”, remarcou, xa que ningún ten un plan de emerxencias para situacións de seca, “cousa que noutros municipios de Castela e León “xa o están a facer”, dixo.

Segundo contou, dende o ano 2005 “están obrigados a facelo” e xustificou o retraso asegurando que “en Galicia chove e non están habituados a estas situacións”.

Así é todo, e apesares de que “Ana” deixase precipitacións e a neve cobra algunhas zonas da provincia, Marín instou a que os concellos implementasen medidas para facer fronte a este tipo de situacións, poñendo como exemplo Lugo, “que teñen un sistema de reutilización da auga depurada no sistema de rego” e así “non é necesario sacar auga do Miño”. E resaltou que se o fixesen serían un concello “pioneiro”, pero teñen que recoller esta medida nese plan de emerxencias.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button