ConcellosÚltima hora

A CHMS mantén a situación de excepción pero “o abastecemento está garantido”

O organismo de Conca vai convocar ao Consello da Auga, no que están representadas todas as institucións, para “facer simulacións” de posibles restricións de auga para estar preparados
Carlos Ruíz e Francisco Marín. // Foto: Carlos Asensio.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil mantén a situación de excepción por seca xa que “este ano hidrolóxico -que arrancou en outubro de 2016 e rematou en setembro de 2017- houbo un 65% menos de precipitación”. Así o dixo o presidente do organismo de conca, Francisco Marín, tras a xuntanza da Oficina Técnica da Seca. Segundo os datos achegados por Marín, cando neste ano hidrolóxico tiña que caer 260 litros por metro cadrado de media, “este ano caeron algo máis de cen”, dixo.

Asemade, Marín informou que os caudais dos ríos “están baixísimos”. Por exemplo, o Miño, augas abaixo, concretamente nos datos do encoro de Belesar, leva un 20 % da auga que debería levar nesta época do ano. O río pai debería levar, ao seu paso por Ourense, unha media de 204 metros cúbicos ao segundo e “está moi baixo actualmente”, dixo o presidente.

Ademais do abastecemento, esta baixada dos caudais dos ríos e das augas da demarcación hidrográfica, comentou Marín, “os ríos son máis susceptibles aos verquidos”, por iso estarán atentos. De todos os xeitos, o presidente fixo unha chamada á tranquilidade xa que o abastecemento ao consumo humano está garantido ás poboacións de máis de 20.000 habitantes no caso de que as precipitacións manteñan os niveis similares ao ano 2016-2017, “a peor serie histórica”, dixo o xefe de planificación hidrolóxica, Carlos Ruíz.

Ante esta situación, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está a axilizar as solicitudes de concesións temporais de augas aos distintos concellos que os precises. “O Carballiño e Vilamartín de Valdeorras xa a ten e A Rúa e Petín tiveron que facelo de temporal a permanente, debido á situación na que se atopan”, dixo Francisco Marín.

Pero isto inflúe tamén a nivel internacional, xa que o organismo de conca non poderá cumprir o pacto da Albufeira, un convenio que determina a cantidade de auga que ten que chegar a Portugal. Segundo os datos recadados pola estación de Frieira, a auga que chega ao país veciño pasou de 440 hectómetros cúbicos a 201. Neste senso, Francisco Marín explicou que si este ano “non fose excepcional” estarían obrigados a achegar auga.

Xuntanza

A situación excepcional de seca levou a que a CHMS acordou convocar unha xuntanza, o vindeiro 13 de decembro, ao Consello da Auga da demarcación, “onde están representados todos os organismos”. Xunta, hidroeléctricas, usuarios, comunidades de regadío, grupos ecoloxistas, para trasladarlles esta situación.

O traballo nesta xuntanza constará en “facer simulacións” das posibles restricións de auga se o ano segue igual de seco ca o anterior.

Con todo, parece que o futuro vai vir cargado de auga xa que, segundo a Axencia Meteorolóxica Americana, “que é a máis fiable”, dixo Marín, prevé que nos meses de xaneiro e febreiro van ser máis chuviosos do normal. A pesar de todo, as achegas van ser moito menores “xa que o chan tamén ten que recoller auga”, explicou.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button