OurenseÚltima hora

A CHMS reduce a súa débeda “herdada do 2012” de 60 a 5,4 millóns de euros

Os orzamentos de 2018 para o organismo de conca será de 36 millóns de euros dos cales 21,7 “serán destinados a investimentos reais”
Xunta de Goberno da CHMS.

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, convocou hoxe, 19 de outubro, aos membros da Xunta de Goberno da Demarcación para dar conta das medidas adoptadas na situación de alerta por seca e do proxecto de orzamento para o 2018, entre outros asuntos.

Neste órgano colexiado e de goberno do Organismo de conca están representadas as distintas Administracións presentes no territorio, ademais dos usuarios da auga abastecemento, regadíos, usos enerxéticos, e outros usos. Ao encontro de hoxe asistiu como máxima representación da Xunta de Galicia, a delegada Territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Seca

Unha vez declarada, o pasado 2 de outubro, a situación de Alerta por seca na Demarcación do Miño-Sil e conforme ao estipulado no Plan Especial de actuación en Situacións de Alerta e Eventual Seca (PES), dáse conta á Xunta de Goberno do procedemento seguido por este organismo ante esta situación, comunicación aos Concellos da conca das medidas de aforro en usos e destinos non prioritarios -xardíns, piscinas e baldeo de rúas-, a redución da presión nocturna en redes urbanas, o reforzo dos controis de potabilidade no abastecemento, vixilancia do funcionamento das depuradoras, así como, a posta en marcha de campañas de aforro.

Por outra banda, informaron de que as precipitacións rexistradas na demarcación o último ano hidrolóxico 2016/2017, finalizado o pasado 30 de setembro, foron de 676,7 litros por metro cadrado, un 41 % por baixo da media histórica.

Proxecto de Orzamento para 2018

A CHMS someteu á Xunta de Goberno o proxecto de orzamento para o próximo ano 2018, cifrado en 36 millóns de euros, dos que 21,7 millóns destinaranse a investimentos.

O presidente do Organismo deu conta á Xunta de Goberno da redución nun 92% da totalidade da débeda herdada no ano 2012, pasando de 60 millóns en 2012 a 5,4 millóns en 2017.

“O cambio na xestión do diñeiro público foi a fórmula empregada, ao longo destes 5 anos, de asegurar a viabilidade financeira programando as actuacións atendendo á situación e necesidades reais desta conca hidrográfica”, concluíu Marín.

Colaboración a mellora das zonas afectadas polos incendios

Francisco Marín en primeiro lugar lamenta profundamente as perdas provocadas polos incendios e sobre todo quere transmitir o pésame ás familias dos falecidos, sente o desastre ambiental que provocaron os intensos lumes e ponse a disposición de colaborar coa Xunta de Galicia nas zonas máis afectadas.

Esta colaboración materializaríase na execución de traballos de restauración das canles para previr erosións nas marxes e tapóns en infraestruturas de paso, polos acarreos que puidesen provocar
os restos de madeiras e materiais queimados.

Artigos relacionados

Back to top button