ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Cholo e Nela, de aniversario no Barco de Valdeorras

O CEIP Julio Gurriarán acolleu a 20ª edición da Convivencia de Educacion Infantil

En 1996 celebrábase no colexio Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras, a I edición dunha novidosa e interesante iniciativa cos máis pequenos como protagonistas. Así nacía a Convivencia de Educación Infantil que este ano celebrou o 20 aniversario (houbo un ano no que non se celebrou). Unha data importante que festexaron por todo o alto no mesmo centro escolar que acollía a primeira edición.

Baixo o título “Cholo e Nela, 20 anos dando a nota”, en torno á música xirou esta edición que tiña lugar o 31 de maio no CEIP Julio Gurriarán. Alí déronse cita uns 350 nenos e nenas de Educación Infantil (3-5 anos) de toda a comarca e arredores e uns 300 adultos entre pais e nais, mestres e colaboradores.

A xornada comezaba en torno ás once e media da mañá e un ano máis, os nenos e as mascotas da convivencia (unha pinga de auga e o globo de cores), foron os protagonistas dun día de diversión con todo tipo de xogos e obradoiros: dende a elaboración de instrumentos, tatuaxes ou maquillaxes musicais, ata pesca de notas, decoración de doces en forma de intrumento, bailes,… Tamén houbo brincadeiros e como non a presenza das forzas de seguridade e salvamento (Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e de Montaña, Bombeiros, GES, Protección Civil,…). Asemade colocaron unha exposición retrospectiva con material das vinte edicións (camisetas, carteis, pegatinas,…) e moitas sorpresas. Entre elas a actuación de tres alumnas do conservatorio, a homenaxe á xente que pasou pola convivencia nestes vinte anos, a torta de aniversario e a despedida musical a cargo dos profesores, poñendo voz a algúns dos temas interpretadas nestos vinte anos de convivencias, recollidos nun libro-cd que grabaron no estudo Casa de Tolos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button