En portada

Chourizos ao espeto en Vilanova

Unha das fogueiras da pasada edición da festa./ Foto: Carlos G. Hervella.
Unha das fogueiras da pasada edición da festa./ Foto: Carlos G. Hervella.
Festa das Candeas e San Brais os días 7 e 8 de febreiro nesta localidade trivesa

 

Tres citas nunha. En Vilanova (A Pobra de Trives) celebran nunha mesma fin de semana tres importantes citas: As festas da Virxe das Candeas ou Candelaria, o San Brais, e a do Chourizo.
Malia que segundo o calendario cristián a festividade dos dous santos é o 2 e 3 de febreiro, respectivamente, non será ata a fin de semana, cando teñan lugar os actos de celebración na localidade trivesa.
A programación comezará o sábado 7 de febreiro ás 10h. cunha andaina entre A Pobra de Trives e Vilanova (saída na praza do Reloxo). Un total de 12 qms. que pasan por A Corga, Ponte Cabalar, Mendoia, A Encomenda e Castro, ata rematar en Vilanova onde se asarán chourizos para tódolos participantes (inscrición ata o 5 de febreiro, 5 euros). A proba está organizada polo Club de Montaña Trives.
Ese mesmo día ás 13h. terá lugar a procesión e posterior misa na honra á Virxe das Candeas e xa entre as 17 e as 17:30h. comezarán a prepararse as fogueiras no souto, entre os castiñeiros, nas que asar os chourizos ao espeto que dan nome a unha festa gastronómica con anos de historia. Grupos de amigos e familiares, danse cita para pasar unha tarde-noite ao calor do lume, degustando un dos produtos estrela da mantanza e quentando o corpo cun bo viño e licores caseiros. O apartado musical, a partires das oito e media da tarde, correrá por conta da orquestra Nevada.
O domingo, tocaralle o turno a San Brais. Unha alborada a cargo da charanga Nova Terra de Trives espertará aos veciños que terán procesión e misa ás 13h. Á saída, a mesma charanga fará a sesión vermout.

 

Texto: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button