En portada

Christian Escuredo, nominado como mellor actor principal nos BroadwayWorld Spain

Comeza a segunda rolda de votacións destes galardóns que decide o público a través de internet
O valdeorrés Christian Escuredo (primeiro pola esquerda), caracterizado como Felicia en "Priscilla. Reina del desierto".
O valdeorrés Christian Escuredo (primeiro pola esquerda), caracterizado como Felicia en “Priscilla. Reina del desierto”.

Presenza valdeorresa entre os finalistas dos Premios do Público BroadwayWorld Spain 2015. Tras concluír a primeira rolda deste certame, o barquense Christian Escuredo está nominado como “mellor actor principal” na tempada 2014/15 polo seu papel de Adam/Felicia no musical “Priscilla. Reina del desierto”, que segue en cartaz no Teatro Alcalá de Madrid. Nesta categoría compite polo premio con outros tres actores: Alejandro de los Santos (“Excítame”), José Antonio Moreno (“Grease. El Musical en concierto”) e o seu compañeiro de reparto en “Priscilla”, José Luis Mosquera.

Escuredo acolle con satisfacción esta nominación, froito dos votos do público, e agradece toda “a implicación dos seguidores de “Priscilla” e, en especial dos valdeorreses, que apoiaron a miña candidatura”. Ademais este espectáculo é un dos que lograban un maior número de nominacións (un total de trece), xunto con “Sister Act. El Musical”.

A partir de agora comeza unha segunda e definitiva fase nestes galardóns na que, de novo, a decisión está nas mans do público. Do mesmo xeito que na rolda anterior, todos aqueles que queiran apoiar a este actor poden emitir o seu voto no seguinte enlace:
http://www.broadwayworld.com/spain/vote2015region.cfm

O prazo de votacións vai do 1 ao 22 de novembro. Os resultados faranse públicos no decurso dunha gala que se celebrará no Teatro Bodevil de Madrid o vindeiro 30 de novembro.

Artigos relacionados

Back to top button