En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Christian Escuredo será o padriño do concurso de curtas “Valdeorras denominación de cinema”

Esta iniciativa presentábase na Rúa, onde ademais se desvelaban os membros do seu xurado, entre eles o actor e cantante barquense

A primeira edición do concurso express de curtametraxes “Valdeorras denominación de cinema” presentábase na comarca nun acto celebrado na mañá do 26 de xuño no Centro Cultural Avenida da Rúa no que se desvelaban as bases, os premios e os membros do xurado. Os seus promotores, Xavi Castro e Olalla Rodríguez (Sintelobos), explicaban que será un concurso pero tamén un festival cuxo obxectivo é facer de Valdeorras “un plató de rodaxe”.

Este concurso desenvolverase do 26 de agosto ao 1 de setembro na comarca e conta con dúas categorías: documental e ficción (con pezas dun máximo de 10 minutos) e curtas publicitarias (3 minutos). “Dicimos que é un concurso express porque os participantes van ter que facer as curtas aquí nunha semana cun obxecto, unha localización e unha frase común que lles facilitaremos”, di Olalla Rodríguez.

O primeiro premio do apartado de documental será de 1.500 euros e o primeiro de curtas publicitarias estará dotado con 1.200 euros. O xurado estará formado polo actor valdeorrés Christian Escuredo, que será ademais o padriño do certame, así como por Carlos Iglesias, José Pozo, Adriana Vaquero, Miguel Cazorla, Octavi Pujades e Carlos Lázaro, entre outros.

 

 

Escuredo, presente neste acto, amosábase moi contento de poder fomar parte desta iniciativa e destacaba o seu valor de cara a facer de Valdeorras “unha plataforma para explotar o talento e de cara a converterse de escenario para moitos e futuros compañeiros de profesión”.

Ademais no marco desta iniciativa haberá actividades paralelas como un obradoiro de casting. Os representantes de Sintelobos agradeceron o apoio do CRDO Valdeorras, de AEVA e da Ruta do Viño de Valdeorras, así como dos Concellos da Rúa, Vilamartín e O Barco, representados no acto.

A continuación interviña Araceli Fernández como membro do CRDO Valdeorras sinalando que este proxecto vaille dar visibilidade a comarca e lembrando o seu peso vitivinícola, e en especial en relación coa variedade godello. Finalmente, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, resaltaba a colaboración entre o sector e tamén entre os concellos para organizar este concurso e incidía en que “Valdeorras é viño, pero non só é viño, tamén é paisaxe, patrimonio… e iso vainos permitir amosar a comarca”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button