En portadaEntrevistasÚltima hora

Christian Escuredo: “Síntome moi orgulloso de que na miña vila se leven a cabo iniciativas como este desfile para involucrar a toda a poboación”

O actor barquense será o presentador da II edición da Pasarela O Barco de Moda organizada polo CCA

Christian Escuredo presentará a II Pasarela O Barco de Moda.

 

O 10 de outubro comezará en Madrid a segunda tempada de 33 El Musical, un espectáculo sobre a vida de Xesús de Nazaret nominado a Mellor Musical do Ano, que xa viron máis de 120.000 espectadores, protagonizado por Christian Escuredo. Pero antes, este xove barquense que triunfa sobre o escenario na capital de España, estará na súa casa, O Barco de Valdeorras, para presentar a II edición da Pasarela O Barco de Moda, un evento organizado polo Centro Comercial Aberto que se celebrará o 20 de setembro na praza do Concello.

Como cantante ten actuado en moitos escenarios, coincidindo con Lucía Pérez (a presentadora do desfile do Barco o ano pasado) en moitos deles, o último na gala do 25 de xullo no programa especial emitido pola TVG. Pero é na súa faceta como intérprete, na que máis está destacando. En televisión, coa participación en series como Fariña ou Vivir sin Permiso, por citar dúas das máis recentes a nivel nacional; e moi especialmente sobre o escenario, mesturando as dúas vertentes (cantante e actor) en musicais como o actual 33 ou o exitoso Priscilla, Reina del Desierto, co cal estivo varios anos de xira.

E entre medias, ten tempo para colaborar en diferentes eventos preto da súa terra. A finais de agosto apadriñaba o concurso de curtas “Valdeorras Denominación de Cine “; a comezos de setembro formaba parte do xurado de RIR, o Festival de Curtametraxes Cómicas celebrado en Allariz; e o día 20 fará de presentador, en casa, da pasarela na que preto dunha vintena de comercios de moda, beleza e complementos, amosarán as súas propostas para a tempada outono/ inverno.

Que supón para ti como barquense presentar un evento destas características?

O feito de que sexa no Barco faime moita ilusión e á vez infúndeme respecto porque non deixa de ser o público máis cercano aínda que sexa o máis familiar e quizais crítico. Estou moi agradecido de que quixesen contar comigo para este evento tan noso, tan da casa, especialmente este ano, con modelos do Barco, organización do Barco e presentador do Barco. Será a pasarela máis autóctona.

 

O actor Christian Escureno no Malecón do Barco de Valdeorras.

 

É a primeira vez que presentas un desfile. Gústache a moda? Segues as tendencias?

A verdade é que sigo tendencias, pero tamén é certo que se non estou cómodo con algunha non a persigo. Si que me intereso, porque creo que a moda marca moito a personalidade, pero gústame crear un pouco o meu estilo. A moda tamén depende moito do estado anímico, depende das cores,… pero en xeral visto bastante básico aínda que ás veces atrévome cunha prenda máis arriscada. Para a Pasarela vanme vestir un par de comercios do Barco e voume deixar asesorar polos profesionais que temos aquí. Síntome bastante identificado co tipo de roupa que se pode vender no comercio local, sobre todo nas tendas que van participar.

Aínda que te decantache polo mundo da interpretación, tamén fixeche pequenas incursións como modelo. Nunha ocasión precisamente para unha das primeiras revistas de Moda de O Sil.

É certo, cunha sesión de fotos na pasarela hai anos… E xa cando estiven vivindo en Valladolid tamén fixen un par de pasarelas con roupa xuvenil. Pequenas cousas de moda que cheguei a facer e que non foron a máis porque tampouco teño unhas medidas idóneas. Pero tamén é certo que no mundo da interpretación a moda está moi presente sobre todo en temas de promoción. Por exemplo, lembro que na revista Shangay reuníronnos aos protagonistas do musical Priscilla para facer un editorial de moda con diferentes marcas. Aos actores utilízannos porque non deixa de ser unha forma de comunicar co que levas posto. Ademais, no meu Instagram en moitas ocasións falo de moda ao traballar directamente coa marca Selected, coa que colaboro presentando prendas no meu perfil @chescuredo. Tamén colaboro con outros deseñadores, sobre todo novos creadores, que me contactan para ver se lles podo axudar a darlle visibilidade, e sempre que podo, fágoo. Por exemplo na gala da TVG do 25 xullo levei unha camiseta moi arriscada de Lulo’k.

 

Christian comezará en outubro a segunda tempada do musical “33”.

 

Como ves a pasarela? ¿Que che parece a iniciativa do Centro Comercial Aberto O Barco?

A pasarela de moda é o contexto no que se amosa un pouco o produto do comercio local que temos e penso que é moi importante, sobre todo por como se veu desenvolvendo o comercio nos últimos anos, necesitando un gran apoio, non só entre eles (é algo moi bonito que pasa no Barco); senón tamén por parte da sociedade barquense. É importante que esté orgullosa do que hai e para iso hai que amosar o que temos, sacalo á rúa, e que mellor que nun contexto tan bonito como unha pasarela. Trátase de pasar un bo rato presentando o que temos na vila e apoiando ao comercio local que é do que se trata. Ademais estoume sentindo moi orgulloso de Valdeorras pola cantidade de cousas que se están facendo, dándose a coñecer con iniciativas, non só a través da materia prima como a lousa ou o viño. De feito esta pasarela foi pioneira en Galicia e tomouse como referencia para facer noutros Centros Comerciais Abertos. Síntome moi orgulloso de que na miña vila se leven a cabo este tipo de iniciativas que non deixan de involucrar a todos os cidadáns.

Que tes pensado para a presentación do 20 de setembro?

A min gustaríame participar no guión para poder facelo máis persoal e poder empatizar cos meus veciños. Estaría ben falar un pouco de cada comercio, como xurde, a que se dedica,… poder falar con eles para que conten algunha anécdota. Será máis ben unha presentación do que temos, intentando que non resulte aburrido e que sexa dinámico.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Máis información:
https://osil.info/o-barco-cca-aposta-por-unha-pasarela-de-moda-valdeorresa-amateur-e-inclusiva-para-promocionar-o-comercio-local/

Artigos relacionados

Back to top button