Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

O CHUO trasladará esta fin de semana 150 pacientes ao novo edificio

Hoxe iniciouse o cambio de 64 pacientes ingresados no Santa María Nai á unidade de Medicina Interna

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense arrancou hoxe, 28 de outubro, coa segunda fase do traslado de pacientes ao novo edificio de Hospitalización. Durante toda a mañá, a esta nova unidade do Complexo ourensán foron chegando un goteo de ambulancias con pacientes procedentes dos edificios Materno Infantil e Santa María Nai, concretamente da Unidade de Medicina Interna, Neuroloxía e Neurocirurxía.

O operativo arrancou onte, 27 de outubro, cara ás tres da tarde “tras as comidas”, dixo o director de Procesos de Soporte do CHUO, o doutor José Antonio Ortigueira. Está previsto que este operativo de traslado “remate mañá”, dixo. Ortigueira explicou que o seu obxectivo é “adaptarnos á vida do paciente e aos seus horarios” para non interferir a continuidade asistencial nas novas instalacións e a normalidade no resto de unidades do CHUO.

Segundo cifran fontes do Complexo, un  centenar de profesionais, de distintas categorías,  que conforman parte dos equipos, participan neste traslado de pacientes á nova Unidade. Este equipo repártese as funcións de entrega, traslado e ingreso dos pacientes, así como a atención dos que van chegando.

En total prevese que 150 pacientes estean xa neste novo edificio de Hospitalización cando remate a fin de semana. A xornada de hoxe, recalcan fontes do CHUO, foi a máis complexa xa que se trasladou ao maior volume de pacientes, 64 en total, ingresados na segunda planta do Santa María Nai, Medicina Interna, ata a quinta planta (Norte e Sur) da nova unidade. Neste traslado en concreto, segundo cifran dende o Complexo, participaron catro ambulancias cunha cadencia de saída de cinco minutos, ademais dunha medicalizada para primeira intervención.

Por último, mañá culminarase a centralización dos pacientes de Medicina Interna nas novas instalacións, co tránsito dos ingresados nas actuais áreas de hospitalización deste servizo nas plantas cuarta e sétima do Materno Infantil, ata a  sexta Norte do novo edificio.

O responsable de Procesos de Soporte, José Antonio Ortigueira, sinalou que a xornada transcorreu con normalidade xa que “fixemos ensaios do traslado e os seus correspondentes simulacros”.

Dende o CHUO apuntan que se espera que nas vindeiras semanas o novo edificio de Hospitalización estea funcionando a pleno rendemento, polo que a nova entrada xa estará habilitada e instalarase un posto de información no vestíbulo.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button