CulturaCulturaÚltima hora

Chupinazo, cea popular e moita música nas festas de San Xoán de Río

Na noite de San Xoán actuarán dúas orquestras, Metrópolis e Beiramar
Festa da Xuventude, o ano pasado en San Xoán de Río.

De un a tres días aumentaron as xornadas de festa en San Xoán de Río que se celebrarán do 22 ao 24 de xuño da man da AC RíoMola. O programa arrancará o venres día 22 ás 21:30 cunha homenaxe na praza do Concello a Enrique Dorta Yáñez e Néstor Rodríguez González (Kike e Néstor), “persoas que dirixiron a comisión de festas nos últimos 30 anos, designados por unanimidade pregoeiros das festas tras unha votación por internet cunha altísima participación”, explican dende a organización.

Ambos serán os encargados de dar comezo as festas lanzando o chupinazo, e a continuación celebrarase unha cea no pavillón da localidade, onde os asistentes, con reserva previa (15€) degustarán empanada, sardiñas, parrillada de carne, bebida, chupitos e bica. A medianoite prenderase a fogueira de San Xoán e elaborarase unha queimada, co seu famoso esconxuro e a animación da noite correrá por conta de DJ Tibu, speaker do Obradoiro, que coa súa discomóbil, espectáculo e animación para todos os públicos axudará a baixar a cea e desfrutar da música ata altas horas da madrugada.

Ao día seguinte, sábado día 23 ás 13h. celebrarase a misa solemne de Corpus Christi con procesión. Con todo, o prato forte das festas será a actuación de dúas orquestras, Metrópolis e Beiramar, durante sete horas, tres na sesión de tarde que comezará as 20h. e catro na verbena que comezará ás 0:30h.

E xa o domingo 24 de xuño, o día propio de San Xoán, a xornada comezará cunha alborada a cargo da Charanga Nova Terras de Trives, previa á tradicional misa de San Xoán e procesión coa imaxe do santo polas rúas da localidade prevista para as 13:30h. Tralos actos litúrxicos celebrarase unha sesión vermú na praza Pedro Fernández, poñendo o broche ás festas a sesión de tarde a cargo da charanga trivesa.

Artigos relacionados

Back to top button