ConcellosÚltima hora

Chuvia de Perseidas dende o Miradoiro Triguás, na Ribeira Sacra

Esta observación forma parte do programa da II Xornada de Turismo Astronómico organizada polo Concello de Parada de Sil
Cartel desta xornada.

Como observar o ceo a través dun telescopio. Os planetas, a lúa, as nebulosas planetarias… Serán algún dos temas que se abordarán na conferencia “Arqueoastronomía” que Víctor Pérez, presidente do observatorio astronómico “El Mirón del Cielo”, dará o vindeiro 3 de agosto ás 20h. na Casa do Concello de Parada de Sil.

Coa súa intervención abrirase a II Xornada de Turismo Astronómico deste municipio ourensán. Ao final da charla haberá un coloquio no que os asistentes poderán plantexar as suas dúbidas sobre astronomía ou o espazo celeste.

Posteriormente, os participantes desprazaranse ata o Miradoiro de Triguás, un emprazamento dende o que se pode observar toda a Ribeira Sacra se se olla para a terra e un lugar privilexiado se se olla cara o ceo. Dende alí poderán observar distintos fenómenos da astronomía e, por suposto, a prevista chuvia de Perseidas.

Segundo a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, “decidimos repetir a iniciativa levada a cabo o ano pasado debido á gran acollida que obtivo e porque, ademais, a astronomía parécenos unha ciencia tan descoñecida como interesante, incluso para o gran público”.

Ademais a rexedora lembra que “o ano pasado ao rematar a observación e dentro da campaña “Globe at night”, dependente do Consorcio de Universidades Norteamericanas relativas a estudos espaciais, realizáronse as pertinentes medicións mediante un SQM debidamente calibrado para tal fin. Dando un espectacular rexistro de 21.53, que significa que o Miradoiro de Triguás conta cun ceo privilexiado a altura dos mellores do mundo”.

Artigos relacionados

Back to top button