ConcellosÚltima hora

Ciclo de cinema galego neste outono en Viana do Bolo

Está promovido polo Cine Club A Lanterna e prestará especial atención á filmografía de Chano Piñeiro
Cartaz do ciclo de cinema.
Cartaz do ciclo de cinema.

Curtametraxes, filmes, animación. A través de diversas miradas e xéneros o Cine Club A Lanterna achégase ao cinema galego cun ciclo de cine de outono que comezará a proxectarse o vindeiro venres 14 de outubro na Casa da Cultura de Viana do Bolo. Nel prestarase especial atención á obra de Chano Piñeiro e así proxectarase “Sempre Xonxa” (Venres 14, ás 20:15 h), película rodada en Santoalla (Petín); e as súas curtas “Mamasunción” e “O Camiño das Estrelas” (Xoves 20, ás 20:15 h).

Outra das propostas para este outono será “A Lei da Fronteira”, de Adolfo Aristarain (Venres 21, ás 20:15 h.) e “O Lapis do Carpinteiro”, de Antón Reixa (venres 28, ás 20:15 h). Ademais o ciclo incluirá dous traballos para o público infantil. Trátase dos filmes de animación, con participación galega na súa produción, “O Bosque Animado” (Sábado 15, às 18:00 h) e “P3K: Pinocho 3000” (Sábado 22, ás 18:00 h).

Este ciclo está organizado polo Cine Club A Lanterna de Viana coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Este cine club creábase a finais de 2015 en Viana do Bolo, pero non era ata un ano despois cando comezaba as suas actividades. “Ten o obxectivo de establecer unha regularidade nas proxeccións, nunha vila que se encontra a mais dunha hora da sala comercial mais cercana. Até o momento, leva proxectado seis filmes. A Casa da Cultura conta con instalacións modernas que permiten disfrutar da cada película”, explican dende esta entidade cultural.

Tamén se informa de que para ser socio deste Cine-Clube “hai que abonar unha cuota anual de 20 Eur. na conta do Cine-Clube”. Mais información en Facebook ou dirixíndose ao correo cineclubealanterna@gmail.com.

Artigos relacionados

Back to top button