OurenseÚltima hora

A cidade rexista un aumento do 26% no turismo con respecto ao agosto de 2016

A meirande parte dos turistas que atendeu a Oficina de Turismo son nacionais, seguidos dos europeos e os americanos
A Oficina de Turismo prevé superar os case 7.000 visitantes este ano.

O Concello de Ourense vén de facer públicos os últimos datos relativos ao turismo da cidade. Segundo a información achegada, a Oficina de Turismo do Concello atendeu, entre o 1 ao 17 de agosto, un total de 4.837 visitantes, é dicir, un 26% máis dos turistas atendidos no mesmo período de 2016, que foron 3.840 visitantes. En canto á procedencia deses visitantes, a meirande parte son turistas nacionais (4.097), seguidos de turistas europeos (443), americanos (83) e 21 doutros países do mundo.

Dende o consistorio resaltan que os datos de xullo “xa viñan avanzando o repunte dos visitantes á nosa cidade”. Segundo os datos da Oficina de Turismo, un total de 4.812 persoas achegáronse a este posto para solicitar información. 1.018 máis que no mesmo período do ano anterior. As perspectivas do Concello para este mes de agosto é de superar as case sete mil persoas (6.808) que foron atendidas o verán pasado.

Estes resultados, apuntan fontes consistoriais, “son o resultado dun mellor posicionamento no sector turístico do Concello de Ourense, que está a traballar en promover a nosa cidade como destino turístico a través de diversas campañas desde a Concellería de Turismo e Termalismo”. No mes de xaneiro promoveron a capital a través da campaña “Ourense con luz propia”, coa que visitaron a Feira Internacional de Turismo FITUR e, ao longo do 2017, están a traballar en campañas que definen Ourense coma “Un plan perfecto”, na que se promove a posición estratéxica da capital ( a unha hora de tren da Coruña e a pouco máis de 30 minutos dende Santiago de Compostela) e como destino ideal para o turismo familiar. Tamén como para o Camiño Mozárabe ou Vía da Prata cara a Santiago de Compostela. Valores engadidos ao termalismo, gastronomía ou a patrimonio histórico, artístico e cultural.

Porén, Ourense tamén presume de cidade a través dunha campaña promocional que estes días percorre Galicia: “Presume de Galicia”, lanzada polo Clúster de Turismo de Galicia e na que se quere aproveitar o potencial dos galegos como promotores e prescritores do destino para a promoción e difusión do destino Galicia dentro do territorio nacional e nos mercados exteriores fomentando, ademais, o sentido de orgullo e pertenza de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button