Os alumnos de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras mantiveron unha charla por videoconferencia coa investigadora e científica valdeorresa, Noa Feás Rodríguez, exalumna do centro barquense, licenciada en Veterinaria pola Universidad de León e cun Máster en Investigación en Ciencias de la Salud pola Universidad de Valladolid.
Na actualidade Noa atópase realizando a súa tese doutoral sobre a patoloxía do cancro no Instituto de Biología y Genética Molecular (IBGM), en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), un proxecto para o que conta cunha axuda da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), tal como explican dende o instituto barquense.
Nunha animada e interesante charla, Noa Feás foi respondendo ás preguntas que lle facían os alumnos, explicando como dun inicial amor polos animais pasou a investigar sobre o cancro. “Está na metade da súa tese doutoral e recomenda encarecidamente investir en investigación”, aseguran dende o IES Martaguisela.
Fotos cedidas.