En portadaÚltima hora

A CIG pide o “retorno inmediato” do helicóptero de incendios á base de Vilanova

Considérao “fundamental” para unha resposta rápida ante un lume, tendo en conta as complexas características orográficas e climatolóxicas de Valdeorras e o seu gran patrimonio natural

Apenas dúas semanas despois de alertar sobre a retirada do helicóptero contra incendios da base de Vilanova (O Barco), a CIG convocaba na tarde do 20 de xullo unha rolda de prensa para pedir que este medio aéreo volva a Valdeorras ao consideralo “indispensable”.

Os delegados da CIG que comparecían (de Ourense pero tamén un de Lugo) destacaban que “é necesario que o helicóptero estea na base de Vilanova porque en Valdeorras o tempo de reacción ante un incendio forestal é importantísimo debido ás complicadas condicións orográficas e as condicións de temperatura, que son as máis extremas de toda Galicia, cun clima mediterráneo continental”.

Ademais Manuel Martínez, que exercía de portavoz, incidía na riqueza do patrimonio natural desta zona con parques naturais como o da Serra da Enciña da Lastra ou xoias botánicas como O Teixadal de Casaio, o Foio Castaño ou paraxes como o da Serra do Eixe con máis de 5.000 has de piñeiro silvestre. “Hai entornos de gran importancia paisaxística, económica e forestal que se deben protexer, pero tamén falamos de protexer á poboación civil porque non nos olvidemos de que os lumes a día de hoxe non só son lumes forestais, senón que moitos deles teñen unha afectación importante nos pobos, os ben e as persoas, por iso é moi importante o tempo de reacción ante un incendio”.

A CIG tamén se pregunta cal é o motivo do peche da base de Vilanova “xa que non hai ningún criterio técnico para quitar de aquí o helicóptero”. Tamén apuntan os seus delegados que a Consellería do Medio Rural actúa de xeito “contraditorio no que a xestión dos medios de extinción se refire. Por unha banda, a conselleira anunciou en sede parlamentaria o 12 de xullo, con moi bo criterio ao noso parecer, o obxectivo de diminuír o tempo de reacción dos medios de extinción dende os 21 minutos actuais aos 15 (implementada dun traballo preventivo previo) o que redundaría nunha maior eficiencia na extinción pola capacidade de control dos lumes na fase incipiente dos mesmos. Coincidimos nos obxectivos, pero discrepamos na acción, xa que logo sobre o terreo faise todo o contrario”.

E como mostra citan paradoxos como a retirada do helicóptero da base de Vilanova, no Barco, algo que “incrementa o tempo de reacción”, ou que “os bombeiros forestais da Xunta na extinción atópanse cunha redución importante de persoal debido ás prazas que hai sen cubrir”.

Ademais dende a CIG facíase un chamamento aos alcaldes da comarca de Valdeorras para que defendan ante a Xunta a volta do helicóptero a base de Vilanova, dada a súa importancia de cara a afrontar os lumes que se produzan na zona. “Este é ademais o único helicóptero que retiraron en toda Galicia”, din.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close