SanidadeÚltima hora

CIG Saúde alerta da perda de servizos e de recursos humanos no Hospital Comarcal Valdeorras

Esta central sindical demanda datos sobre a plantilla exacta do HCV e a dotación orzamentaria

Antonio Lorenzo e Suso Vilasánchez, de CIG Saúde, no exterior do HCV.

 

“Temos unha cantidade de problemas que indican que o Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) está sendo desmantelado con perda de servizos, redución de recursos humanos e a ameaza clara de que imos seguir perdendo servizos”. Así de rotundos se amosaban os representantes de CIG Saúde, Suso Vilasánchez e Antonio Lorenzo, na rolda de prensa que convocaban na mañá do 24 de setembro para falar sobre a situación do centro hospitalario valdeorrés.

Os representantes sindicais comezaban pedindo á administración sanitaria os datos sobre o número de xente que traballa no hospital barquense e a súa dotación orzamentaria. “Como grupo sindical temos dereito a saber cantos médicos, canto persoal de enfermería e persoal non sanitario traballa no HCV, pero non conseguimos que se nos envíen eses datos e quizais non os envían porque iso está agochando a destrución do hospital. Tampouco se nos informa de se hai prazas reservadas para discapacitados ou non”, comentaba Suso Vilasánchez.

Falaban ademais dunha “redución de persoal, que obriga a situacións como as que tivo que padecer un especialista deste hospital, que se viu obrigado a encadear 19 días de gardas localizadas máis o seu traballo ordinario. Iso non é asumible. Tamén temos que informar á poboación de que hai uns días este hospital quedou sen o médico preventivista e temos indicios que de que podemos quedar sen dermatoloxía, algo que pasou en Verín, e tamén de que se pretende levar o especialista en anatomía patolóxica para Ourense, o que mermaría moitísimo a capacidade do HCV. Tampouco sabemos que vai pasar coa cociña hospitalaria, xa que agora mesmo estase implantando unha liña fría e iso implica unha diminución da calidade organoléptica dos alimentos e unha redución das plantillas. E estamos en contra do desleixo da dirección con respecto aos gardas de seguridade, cuxa empresa contratada por un organismo público non lles está aboando o salario”, aseguraba Vilasánchez.

 

Representantes sindicais da CIG na entrada do hospital valdeorrés.

 

Ademais Lorenzo referíase á situación do servizo de rehabilitación do hospital valdeorrés, “que estivo todo o verán sen ter pacientes aos que poder rehabilitar por uns problemas que tiñan entre os rehabilitadores en Ourense, que veñen aquí un par de días á semana, pero que non lle pasan eses pacientes aos fisios para que poidan facer a rehabilitación. Nestes momentos a cousa está un pouco mellor, pero aínda así segue habendo unha lista de espera de 400”.

Artigos relacionados

Back to top button