SanidadeÚltima hora

CIG Saúde di que en agosto no Hospital do Barco “empeorou o traslado de enfermos graves por falta de persoal para UVI Móbil”

A área sanitaria ourensá responde dicindo que "o distrito sanitario de Valdeorras ten garantizado o transporte medicalizado urxente (UVI Móbil)"

Entrada principal ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco.

 

A través dun comunicado a central sindical CIG-Saúde vén de facer público que se está producindo un “empeoramento do servizo de transporte urxente de enfermos graves en UVI móbil dende o Hospital de Valdeorras cara os hospitais de referencia. Se o mes pasado a ausencia de persoal médico de garda para realizar estes traslados durante 11 días fixo que se posicionasen os partidos políticos da oposición do parlamento galego pedindo solucións, este mes de agosto a situación empeora aínda máis, pois dende o día 9 ao día 15 repítese a situación do mes anterior, tendo que vir persoal dende Ourense a buscar aos enfermos, e a partir do día 15 segundo nos refiren facultativos de urxencias, nin consta nos partes de garda que este servizo vaia ser dado dende Ourense, percíbese por tanto a sensación dun total e absoluto abandono dos pacientes do noso distrito”, explican.

Ademais a central sindical indica que “xa se deron situacións de 7 horas de espera dun enfermo grave para ser recollido e trasladado a Ourense: téndose referenciado un caso de paciente que ten solicitado traslado urxente ás 10:30 horas da mañá e foi recollido para o seu traslado as 17:15 horas da tarde por unha profesional que antes debeu rematar a súa quenda ordinaria de traballo.
Estanse a dar situacións de espera de horas en pacientes críticos, ou con severas patoloxías como hemorraxias dixestivas, infartos agudos de miocardio, contusións medulares etc, que en ningún caso son tolerables e que implican a posibilidade de consecuencias irreparables”.

Con respecto a isto, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco responde que “o distrito sanitario de Valdeorras ten garantizado o transporte medicalizado urxente (UVI Móbil)” e que o Hospital Público de Valdeorras “conta co mesmo número de ambulancias que sempre e dispón do persoal sanitario, tanto médico como de enfermería, preciso para acompañar a un paciente cando así o requira o seu estado (transporte “medicalizado”)”.

Tamén di a xerencia de área que “este mesmo ano 2021 ampliouse o cadro de persoal de enfermería con dúas profesionais mais, contratadas escíficamente para realizar esta función, que antes viñan realizando, voluntariamente, de xeito retribuido un “pool” de enfermeiras do hospital, que decidiron deixar de facelo. Igualmente o acompañamento de pacientes en ambulancia, por parte do persoal médico, víñase cubrindo por parte de distintos profesionais dos PAC e Urxencias, desistindo estes últimos de continuar, polo que contarase coa colaboración de facultativos do resto da Área Sanitaria para garantir acompañamento médico en calquera traslado que o requira”.

Artigos relacionados

Back to top button