CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima hora

Cinco de cinco para o CD Barco tras vencer ao Noia CF en Calabagueiros

Co 3-1 remataba o partido disputado na tarde deste sábado 9 de outubro no que resultaba gravemente lesionado un xogador coruñés

 

Dous resultados tiña o partido disputado na tarde deste sábado 9 de outubro en Calabagueiros entre o CD Barco e o Noia CF: un deportivo, moi positivo para o conxunto de Javi Rey que sumaba a quinta vitoria consecutiva noutros tantos partidos; e outro sanitario, cun dos xogadores do Noia gravemente lesionado tras un choque cun xogador barquense.

No apartado deportivo, o conxunto local partía como líder da clasificación en Terceira RFEF e defendeu o posto con uñas e dentes. Os coruñeses tampouco quedaban atrás con varios intentos de achegamento á portería de Aitor que acababa parando todos os tiros. Tamén o Barco tivo varias oportunidades ata que no minuto 30 Javier Pazos poñía o 1-0 no marcador, pasando apenas dez minutos cando Duque sentenciaba a primeira metade co 2-0.

 

O míster do Barco, Javier Rey, analizando o xogo do seu equipo en Calabagueiros.

 

A parte negativa do encontro chegaba pouco despois de comezar o segundo tempo cando o partido tiña que pararse “por un choque entre Duque e Angelo, xogador do Noia que quedaba inconsciente sobre o terro de xogo”, tal como explican dende o club barquense, engadindo que o xogador era recollido pola ambulancia. “Desexámoslle unha pronta recuperación e que quede todo nun susto”, din dende o O Barco.

Unha vez reanudado o partido, Fernando marcaba para o Noia, pero o minuto 90, rozando xa o  tempo de desconto, Adri Díaz marcaba de novo para o Barco, poñendo o 3-1 final.

Con este resultado os barquenses mantéñense unha semana máis no alto da táboa como líderes en solitario con 15 puntos. O seguinte partido será en apenas tres días, o 12 de outubro, no campo do Viveiro CF.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button