OurenseÚltima hora

Cinco exposicións abordan a “Descrenza” no Museo Municipal de Ourense da man do Outono Fotográfico

As mostras estarán abertas no segundo andar e a Sala Fondos dende mañá ata o 7 de decembro
Cartel da exposición de Dafna Tal.

Unha exposición de vídeo creación e unha mostra formada por catro exposicións seleccionadas da colección dos Encontros da Imagem, son as propostas do Outono Fotográfico para este mes no Museo Municipal de Ourense.

A fotógrafa israel Dafna Tal ocupa a Sala Fondos co seu traballo en vídeo Reactions, no que recolle as experimentacións das persoas ao ouviren sons relacionados con diferentes relixións.

O segundo andar do museo dividirá as súas paredes para acoller catro exposicións que veñen da man dos Encontros da Imagem, o festival que se celebra en Braga (Portugal) desde hai 30 anos e que ten un funcionamento parecido ao do festival galego. Os traballos que se expoñen foron seleccionados atendendo á temática do Outono Fotográfico: a “Descrenza”. O traballo da romanesa María Sturm, You don’t look naive to me mostra pasaxes da vida de mozos e mozas nativas americanas da Lumbee Indin Tribe, na Carolina do Norte.  Pola súa banda, o bosníaco Pawel Starzec fotografa lugares de moita carga simbólica na Guerra da Bosnia, dando lugar a unha mostra que “fala da historia inventada polos gañadores da guerra, e trata de lembrar o acontecido en cada espazo que fotografa para descrer a Nova Historia”. Jonh Paul Evans é un británico que constrúe a súa historia marital con instantáneas, formando Till death do us part, un conxunto de fotografías que “deconstrúen o imaxinario das fotos de voda e o álbume familiar a través de autorretratos co seu marido para descrer o modelo normativo de parella”. Por último, Antonio Guerra presenta a súa serie Ver de acción na que explora os límites entre o natural e o cultural creando unha experiencia coa paisaxe e a interacción co espazo.

As mostras poderán verse dende mañá 7 de novembro (as inaguracións serán ás 20h.) ata o 3 de decembro.

 

Cartel da “Coleção Encontros da imagem”.

Artigos relacionados

Back to top button