OurenseÚltima hora

Cinco persoas faleceron nas estradas da provincia de Ourense no primeiro semestre de 2021

Segundo os datos facilitados na reunión da Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Viaria, entre os meses de xaneiro e xuño rexistráronse 1.159 sinistros, dos cales 678 producíronse pola presenza de animais nas vías públicas

Reunión da Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Viaria, na Subdelegación do Goberno en Ourense.

 

Na mañá deste luns 5 de xullo celebrábase na Subdelegación do Goberno en Ourense a reunión da Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Viaria, presidida polo subdelegado Emilio González, na que se analizaron os datos sobre estas materias na provincia de Ourense no primeiro semestre de 2021.

Durante a xuntanza, o xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente, presentou o informe da accidentalidade dos seis primeiros meses deste ano. Así, indicou que se rexistraron 1.159 sinistros, dos cales 678 producíronse pola presenza de animais nas vías públicas. Ademais, entre os meses de xaneiro e xuño de 2021 faleceron nas estradas da provincia cinco persoas, das cales catro eran condutores e un motorista. En relación aos feridos, rexistráronse 17 feridos graves e 159 leves.

Na reunión, sinalouse que no primeiro semestre de 2021 tramitáronse 12.323 denuncias coa retirada efectiva de 11.186 puntos, cifra superior ao mesmo semestre de 2020, pero inferior en 1.685 puntos con respecto aos seis primeiros meses de 2019.

A nivel provincial o subdelegado do Goberno sinalou que “o Subsector de Tráfico da Garda Civil realizou no primeiro semestre do ano un total de 32.973 test de alcoholemia, dos cales o 1,22% foron positivos”. Con respecto ás probas de drogas, “entre xaneiro e xuño realizáronse 440 test que deixaron unha taxa de positivos do 52,72%”.

O subdelegado do Goberno advertiu que este verán haberá “tolerancia cero”coas persoas que poñen vidas en risco nas estradas galegas. Así mesmo, Emilio González fixo un chamamento para “extremar as precaucións agora que estamos a recuperar a mobilidade e non engadir riscos innecesarios como o alcol ou as drogas. A única taxa válida ao volante é a de 0,0”.

Artigos relacionados

Back to top button