CulturaCulturaÚltima hora

“Cinema de historias”, actividade paralela do FIC Vía XIV de Verín dirixida aos máis pequenos

A iniciativa, promovida pola Mancomunidade de Municipios, pretende espertar nos nenos o amor polo cine e descubrirlles o poder das imaxes
O presidente da Mancomunidade, José Luis Suárez (no centro) co director do FIC Vía XIV, Carlos Montero e o responsable de deseño do certame, Jorge Godás.

A colaboración da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, que amosa o seu apoio cunha achega de 2.400 euros, permitirá ao FIC Vía XIV financiar unha das actividades paralelas da programación dirixida aos cativos da zona. A ainiciativa, denominada “Cinema de historias”, pretende espertar nos máis pequenos o amor polo cine e descubrirlles o poder que teñen as imaxes para transmitir historias.

“Coas anteriores edicións do festival colaboraron puntualmente algúns dos concellos que integran a Mancomunidade, pero este ano queríamos facelo directamente desde a propia entidade”, en palabras do presidente da Mancomunidade Xosé Luis Suárez, asegurando que decidiron “apoiar por unanimidade esta acción que divulga o cinema entre os rapaces e que se enmarca nun festival que é moi representativo dos valores diferenciais da nosa comarca”.

A actividade paralela céntrase na figura de Alice Guy, a nai do cinema. “Será quen esperte entre os cativos a curiosidade pola orixe da sétima arte”, din dende a dirección do festival, explicando que Guy foi unha muller “fascinante inxustamente esquecida, a primeira persoa en dirixir cinema de ficción contando unha historia. Ademais foi actriz, guionista, deseñadora de vestiario, cámara, produtora, cómica e maga”. Ao abeiro desta actividade, os máis pequenos realizarán un percorrido pola historia do cine para coñecer os diferentes xéneros cinematográficos vendo fragmentos de películas de aventuras, de ciencia ficción, de fantasía, animación, drama ou comedia, entre outros xéneros. Por último, os cativos gozarán dunha selección de curtas realizada pola organización do Festival, con historias que fomentan o respecto polo outro, a liberdade, a paz, a tolerancia e a igualdade entre homes e mulleres.

Artigos relacionados

Back to top button