OurenseÚltima hora

Cinema e moito máis no 19 OUFF

Ademais de proxeccións, o Festival de Cine Internacional de Ourense incluirá unha exposición, teatro, un roteiro e varios concertos
Imaxe promocional do 19 OUFF.
Imaxe promocional do 19 OUFF.

En apenas uns días botará a andar a maquinaria do 19 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) que terá como escenario principal o Auditorio de Ourense. Nel proxectaranse todos os filmes da competición Oficial, ademais da longametraxe coa que encetará o certame o día 15 de novembro, “A Esmorga” de Ignacion Vilar, e a da clausura, “Schimbare”, así como as películas das Seccións Paralelas.

Pero tamén haberá outros escenarios: o Teatro Principal de Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel e o Centro Cultural Ángel Valente. Deste xeito, no Teatro Principal faranse as proxeccións das seccións paralelas e as galas de entrega do Premio Cidade de Ourense a Emilio Martínez-Lázaro e do Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado, neste caso a Carlos Bardem por “Alacrán enamorado”. Por outraba, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá diferentes proxeccións pertencentes ao “Panorama Galicia”.

E xa no Centro Cultural Ángel Valente desenvolveranse as “Sesións Lixeiras”, é dicir, unha serie de proxección de xeito
ininterrompido de diferentes traballos audiovisuais. Terán lugar do 15 ao 22 de novembro (en horario de 11h00 a 14h00 e de 18h00 a 22h00). Tamén se poderán ver curtametraxes de animación da USC School of Cinema Arts (Os Ánxeles, California), informacións e imaxes do No-Do relacionadas coa provincia de Ourense e cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), traballos realizados por centros ourensáns para o OUFF Escola 2014 así como os gañadores do concurso, a webserie PIB, a curtametraxe O demais e Sons do entroido. A maiores disto, neste mesmo centro cultural, a artista Maite Diz amosará “a súa forma de mirar e de plasmar co seu pincel o que ve a través dun repaso á historia cinematográfica coa súa exposición Backstage.“, tal e como se adianta dende a organización.

Ademais, o pograma deste 19 OUFF incluirá outro tipo de propostas como é o caso dun percorrido que recrea o do libro e filme “A Esmorga”, previsto para o 16 de novembro. Comezará ás 13h00 dende As Burgas e faranse visitas “ás distintas zonas onde se desenvolve a trama, referenciadas en placas na rúa que conteñen citas textuais do libro”, explican dende a organización.

Ademais, o grupo Baralláns Teatro, pertencente ao IES Blanco Amor do barrio da Ponte en Ourense, renderalle unha homenaxe ao escritor ourensán con motivo do XXXV aniversario do seu pasamento. Deste xeito porá en escena, con entrada libre, o seu espectáculo Praza do Bispado. Terá lugar o venres 14 de novembro ás 18h00 no Centro Cultural Ánxel Valente.

A música será outra das propostas do festival da man do ourensán Diego Nóvoa (Tragaluz, Praza San Martiño o día 16 ás 22:30h.), do trío compostelán Andhrea & The Black Cats (Tragaluz, Praza San Martiño o día 17 ás 22:30h.), de The Lákazans (Tragaluz, Praza San Martiño o día 19 ás 22:30h.) e Pink Roe (Tragaluz, Praza San Martiño o día 20 ás 22:30h.).

Para ampliar información pode visitarse á páxina web oficial do festival: www.ouff.org.

Artigos relacionados

Back to top button