OurenseÚltima hora

O cinema iberoamericano, novamente referente no 22º OUFF

O Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, terá como protagonistas das súas retrospectivas a Mariano Llinás, Marilia Rocha e Jeannette Muñoz
Asistentes a unha das sesións dunha edición anterior do OUFF./ Foto: Carlos G. Hervella.

Mantendo o xiro marcado na anterior edición, o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) aposta na súa 22º edición, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, por “dar a coñecer a riqueza e diversidade das cinematografías iberoamericanas, trazando un mapa histórico fílmico que contempla unha perspectiva de xénero e unha mirada que traspasa as fronteiras do mercado”, segundo a organización.

 

O cinesta arxentino Mariano Llinás.

 

Neste senso, o certame acollerá unha retrospectiva adicada ao cineasta arxentino Mariano Llinás. Ficción e realidade, fotos, imaxes de arquivo, reais ou manipuladas, literatura escrita, oral ou en imaxes. O “relato total” de Mariano Llinás é “dunha radicalidade realmente sinxela”, destacan dende o OUFF. Tras irromper no “planeta cinema como un sismo” con “Historias Extraordinarias”, Llinás virá a Ourense a acompañar a súa retrospectiva e a presentar a primeira parte de “La Flor”, outra narración monumental que o confirma como o “máis lúdico dos heterodoxos”, din dende o OUFF. Unha vez proxectada no festival ourensán, esta retrospectiva viaxará ata o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), a Filmoteca de Cantabria, o Festival Internacional de Cine IBAFF e a Filmoteca Española.

 

Marilia Rocha será a protagonista doutras das retrospectivas do OUFF.

 

Completarán os focos os programas dedicados ás cineastas Marilia Rocha e Jeannette Muñoz. No caso de Marilia Rocha recolleranse as catro longametraxes da cineasta brasileira. Con “Aboio” (2005), “Acácio” (2008) e “A falta que me faz” (2009) esta cineasta pon en marcha “un exercicio de memoria histórica a través dos recordos, imaxes e relatos persoais dalgunhas das comunidades brasileiras esquecidas polos dispositivos cinematográficos, documentos con todo esenciais para trazar unha identidade de Brasil”, destacan dende o festival.

 

O cinema da chilena Jeannette Muñoz tamén poderá verse no festival ourensán.

 

Tamén ligada á procura, neste caso interior, está a obra da chilena Jeannette Muñoz. Aínda que autodidacta, o seu cinema toma corpo en Zúric cando asiste aos programas curados por Ute Aurand, cineasta e docente de cinema experimental, clave na difusión e recuperación do cinema experimental feito por mulleres nas últimas décadas. Como a alemá, e cunha ampla bagaxe nas artes visuais, Muñoz atopa a súa forma de expresión nos 16 mm, con traballos que a levarán por centros de vangarda como o Xcéntric barcelonés, o Ligh Movement de Berlín ou o Palais de Glace de Bos Aires. Entre a súa produción destaca a seria “Envíos”, unha colección de cartas fílmicas sen retorno coas que reflexiona sobre as súas experiencias persoais á vez que se cuestiona sobre o cinematográfico.

Nesta edición o OUFF disporá dunha dotación económica de 30.000 euros para os filmes que compitan na sección oficial, que a organización dará a coñecer nas vindeiras semanas.

Fotos: OUFF.

Artigos relacionados

Back to top button