EconomíaEconomíaÚltima hora

A cinta inaugural de Xantar córtase baixo o paraugas da “colaboración transfronteiriza”

Ao seres Portugal o país convidado desta décimo novena edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, a raia estivo presente na meirande parte dos discursos

A colaboración transfronteiriza foi o adaíl baixo o que xirou o acto inaugural da décimo novena edición do Salón de Turismo Gastronómico Xantar en Expourense. Ao teres a Portugal como país convidado, a raia estivo moi presente na meirande parte dos discursos dos intervintes.

Este acto inaugural celebrouse no “hall” de entrada de Expourense, baixo a atenta mirada de centos de persoas, entre elas bloggers especializados e xornalistas gastronómicos e amenizado pola música da Tuna da Escola Politécnica de Lamego.

Entre as autoridades presentes destacou a presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o presidente da Deputación, Manuel Balta; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o vicecónsul xeral de Portugal para Galicia, Manuel Correia da Silva, entre outros.

O primeiro en intervir foi o director xeral de Expourense, Alejandro Rubín, baixo o papel de anfitrión desta cita gastronómica. “Hoxe iníciase un novo ciclo”, así iniciou as súas verbas, xa que “recoñécese a colaboración de Portugal dende a primeira edición de Xantar”. Seguidamente Rubín referiuse ao slogan deste ano “Vive a experiencia” para pedir aos presentes que “cada un viva a súa propia experiencia en Xantar”.

Seguidamente subiu ao estrado o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que falou da “economía laranxa”, para referirse ao turismo gastronómico. Asemade, reiterou que este salón é “un escaparate perfecto para pór en valor os nosos produtos”.

É neste punto cando entrou a palabra “colaboración transfronteiriza”, cando Baltar deulle paso ao vicecónsul xeral de Portugal para Galicia, Manuel Correira, xa que dixo que a presenza de Portugal dende a primeira edición de Xantar “é un grande exemplo desa colaboración transfronteiriza”. Aseverou que España e Portugal teñen “un enorme potencial económico e son moito máis competitivos”. Asemade, dixo que Xantar tamén ten un importante papel “na concienciación dunha alimentación saudable” xa que a mala alimentación, dixo, “é un dos grandes problemas da nosa sociedade”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, foi máis metafórico ao falares desa colaboración: “Con Portugal non só nos unen lazos xeográficos e históricos, senón tamén de amizade e económicos”. Reiterou que a raia “é un muro permeable”. Vázquez concluíu o seu discurso lembrando que “con Xantar ás portas do Entroido, non hai dúbida que este ano será o mellor Entroido”.

O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que tamén falou de “cousas en común e sinerxías” co país veciño. Resaltando que España e, en concreto Galicia, e Portugal “son os países fronteirizos que máis colaboran en Europa”, avalando o seu discurso coa “Erurorrexión que conformamos”. Asemade, lembrou que os turistas aproveitan a súa estancia para ir ao Norte de Portugal e viceversa porque “ofrecemos turismo de calidade”.

Tras cortar a cinta inaugural, as autoridades percorreron os diferentes postos para logo gozar dun xantar todos xuntos no restaurante “Taste Braga”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Máis informació sobre Xantar na seguinte ligazón:

Xantar acende os fogóns cunha notable presenza do oriente ourensán

Artigos relacionados

Back to top button