EconomíaEconomíaOurenseÚltima hora

Xantar, cita anual co turismo e a gastronomía

A súa 15ª edición elebrarase do 5 ao 9 de febreiro, como un referente a nivel internacional
Panorámica da pasada edición de Xantar.
Panorámica da pasada edición de Xantar.

Como a “única feira internacional turístico-gastronómica de España” se presentaba en Fitur 2014 (a feira de turismo celebrada en Madrid), a 15ª edición de Xantar, como un dos pasos de promoción deste salón que se desenvolverá en febreiro en Ourense.

O acto celebrado no stand de Galicia contou coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o ministro de Turismo da República de Cuba, Manuel Marrero; o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez; o embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Ponta Delgada (Azores), Horacio Franco; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González; e o Director xeral de Expourense e director de Xantar, Alejandro Rubín.

O Salón Internacional de Gastronomía e Turismo celebrarase en Expourense entre o 5 e o 9 de febreiro por primeira vez co selo de “Feira Comercial Internacional” outorgado pola secretaría de Estado de Comercio do ministerio de Economía e Competitividade, o que o converte “nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España (dúas das cales organiza Expourense)” segundo explican dende a organización. Esta resolución identifica como “Feiras Comerciais Internacionais de 2014” a 86 salóns celebrados a nivel nacional, dos cales só 5, manteñen unha relación directa en materia de turismo, e “Xantar é a única delas que o vencella coa gastronomía”. Consolídase así como unha plataforma de promoción de España a través dun dos seus maiores atractivos, a gastronomía, que supón ademais un dos apartados de maior desembolso económico para o turista, “ao redor de 108 euros por visitante ao día, o que supón máis de 6.400 millóns de euros ao ano” explican dende Expourense.

Este selo de internacionalidade é unha das novidades que presenta esta ano o salón, recoñecendo a súa traxectoria dende que no 2007 incluíu por primeira vez a figura do país convidado. Ademais de contar coa presenza de Portugal dende a súa primeira edición, ata este momento foron destacados México, Portugal ou algún dos seus gobernos autónomos como as Azores, Arxentina, Francia e Perú, países que continúan vencellados, edición tras edición.

Ademais da internacionalidade, a outra gran novidade desta edición de Xantar é precisamente a participación de Cuba como país convidado, aínda que Portugal volverá ser un dos protagonistas da cita. Ademais da presenza de varias entidades e empresas con expositores, está confirmada a visita de delegacións empresariais relacionadas co turismo e a gastronomía, tanto do Portugal peninsular coma das Azores.

Con respecto ao apartado de restauración, nesta 15ª edición de Xantar participan un total de 18 restaurantes procedentes de Galicia, das comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, convidadas de honra, e de varias rexións turísticas de Portugal (Porto, Norte e Centro), ademais de Cuba. En total, ofreceranse máis de 30 menús, de entre 12 e 30 euros, baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade, xa que a maioría inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. “Contribuirase así á posta en valor dos produtos agrogandeiros e pesqueiros de calidade. Ademais, poñeranse en valor os beneficios para a saúde dos alimentos comprendidos na dieta atlántica e incluirán distintos menús aptos para celíacos” explican dende o departamento decomunicación de Expourense.

A restauración e exposición de produtos, son os eixes sobre os que xira cada ano a feira, pero o programa de Xantar 2014 incluirá outro tipo de actividades paralelas para tódolos públicos. Dende conferencias de expertos ata exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións, incluídas no “Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde” que afronta xa a 9ª edición. En total, máis de 100 actividades orientadas a profesionais e afeccionados.

Texto: Mónica G. Bellver/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button