OurenseÚltima hora

Cita co Festival Atlántica en Ourense con 2 espectáculos para os máis pequenos

Pablísimo e ‘Rilo & Penadique’ actuarán os días 6 e 7 de xullo, respectivamente, na capital da provincia

Publicidade

 

Os contos do Festival Atlántica de Narración Oral volven este ano á cidade de Ourense. Desta volta están programados dous espectáculos gratuítos concibidos para os máis pequenos e que se desenvolverán na Praza da República, nos soportais da Biblioteca Pública de Ourense. Estas actividades son posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A cativada maior de 3 anos ten unha cita con Pablo Sánchez ‘Pablísimo’ e o seu espectáculo ‘O paroleiro’ este mércores, 6 de xullo, ás 12 horas. Esta sesión de contacontos é unha colección de relatos que amosan a gran variedade e riqueza da literatura infantil e da tradición oral. Neste espectáculo ‘Pablísimo’ emprega recursos como as sombras, monicreques, poemas numéricos, contos de nunca rematar, retrousos, brinquedos e cancións, entre outros.

 

 

Ao día seguinte, 7 de xullo, será a quenda dos bebés entre 12 e 36 meses os que poderán gozar coa música e as historias de ‘Derriba da lúa’ do dúo Rilo & Penadique. Trátase dun espectáculo-obradoiro que mestura narración oral e música e que funciona como un convite a arrolar, contar, cantar e xogar.

Contos por toda Galicia

Logo dunha breve pausa, o Festival Atlántica retoma a súa actividade ata a clausura do sábado 9 de xullo, cando complete os 94 espectáculos previstos nesta edición. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concellos e entidades que acollen ao festival. Cómpre lembrar que Atlántica desenvolve a súa actividade nas localidades de Santiago de Compostela, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ferrol, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas, Teo e Padrón ademais de Ourense. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Sobre os artistas

Pablo Sánchez ‘Pablísimo’ é diplomado en Ciencias da Educación e Técnico en Educación Infantil. Conta con un posgrao en interpretación pola Universidade de Santiago de Compostela e completa a súa formación en escolas internacionais (Dell Arte en EEUU, Circomedia en Reino Unido; Scuola del Attore Cómico en Italia, etc). Leva traballando dende o ano 1989 como docente, actor de teatro e televisión, monicrequeiro, clown, contacontos, etc.

Vero Rilo e Sonsoles Penadique narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro desde 2017. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música creando espectáculos de narración oral para bebés, rapazada e público familiar. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

Artigos relacionados

Back to top button