EconomíaEconomíaÚltima hora

Cita coa gastronomía nas xornadas “Allariz sabe a Outono”, en novembro

Promovidas dende o Concello e o sector hostaleiro, terán lugar nas fins de semana do 7 e 8 e do 14 e 15 deste mes

 

Baixo o lema “Allariz sabe a Outono”, o Concello de Allariz, xunto coa hostalería local; organizará unhas xornadas gastronómicas nas fins de semana do 7 e 8 de novembro e do 14 e 15 de novembro. “Esta fin de semana celebraríase en Allariz a 25 edición da súa ” Feira de Outono”, que tivo que cancelarse por mor da situación sanitaria. Permanecen nembargante as Xornadas gastronómicas que son una magnifica oportunidade para gozar da calidade dos nosos produtos de outono e da excelencia das nosas cociñeiras e cociñeiros. Un compromiso coa nosa riqueza agroalimentaria e culinaria, máis sostible e saudable que nunca e que pon en valor as empresas e profesionais. Pequenos produtores que día a día contribúen a identidade da gastronomía da zona”, tal e como se indica dende o Concello de Allariz.

No decurso destas xornadas arredor de 16 establecementos ofertarán menús e tapas de temática de outono. Poderase atopar dende cogomelos e castañas a tortas de cabaza ou xabarín estofado, ata cocido e sobremesas de tempada. “Unha gran variedade de produtos que a hostalería alaricana prepara con mimo todos os anos ao chegar estas datas”, engaden dende o Concello.

A novidade deste ano consistirá na posibilidade de levar o menú para a casa, “hai que adaptarse as circunstancias e a hostalería local o fixo dende o primeiro momento”, aseguran dende o Concello de Allariz.

Así mesmo, dende esta administración local animan á cidadanía a que participen nestas xornadas, “ben nos establecementos seguindo todas as medidas hixiénico-sanitarias recomendadas ou encargando os seus menús e degustándoos tranquilamente na súa casa, mentres colaboramos co sector nun momento no que máis que nunca precisa do noso respaldo”.

Artigos relacionados

Back to top button