En portadaÚltima hora

Cita coas XV Covas de Seadur, na tarde do Sábado Santo

Unha vintena de adegas soterradas desta localidade valdeorresa abrirán as súas portas ao público a partires das 18:30h.
Interior dunha das covas, na pasada edición./ Foto: Carlos G. Hervella.

Son moitos os aspectos que fan da festa “Covas de Seadur”, no muncipio de Larouco, unha cita moi especial. Por unha banda está o seu interese etnográfico, xa que ten como escenario unha serie de antigas e sorprendentes adegas escavadas na rocha séculos atrás. Ademais está o feito de poder degustar nelas viños brancos e tintos, godellos e mencías desta zona, acompañados por unha diversidade de deliciosos pinchos, algúns quentes, outros fríos.

 

Nas covas poden degustarse viños e variados pinchos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

E todo iso nun ambiente festivo moi especial. De aí que sexan numerosas as persoas que cada ano se sumen a esta cita, que se vén celebrando no Sábado Santo dende hai xa 16 anos. Desta volta, a festa será o 31 de marzo a partires das 18:30h. Nese momento as adegas participantes, unha vintena, abrirán as súas portas ao público (que accederá cun donativo de 12 euros no caso dos adultos e de 6 euros para os nenos de 7-12 anos). Os asistentes recibirán unha cunca de barro para degustar viño e refrescos en cada unha das adegas, onde tamén se servirán pinchos.

 

Multitude de persoas acuden cada ano esta celebración gastronómica en Seadur./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ademais no decurso deste camiño soará a música da man de Ouruxobruxo e da Charanga Nova Terras de Trives. Xusto antes do peche das covas (ás 22:30h.), repartirase bica e logo a festa trasladarase á explanada, onde se instalará unha carpa e continuará a celebración ata a madrugada co Dj Anima Fiestas.

Artigos relacionados

Back to top button