En portadaÚltima hora

Cita cos viños no XIV Camiño das Covas do Castro

As adegas desta vila barquense abrirán as súas portas a partires das 19h. do sábado 29 de xuño

Descubrir o interior das singulares e antigas adegas do Castro (O Barco), mentres se degustan os seus viños (brancos e tinto), acompañados de saborosos petiscos, é posible cada ano o último sábado de xuño. Esta vila medieval convértese en escenario nesa data do Camiño das Covas, unha celebración que o vindeiro 29 de xuño cumprirá a súa 14ª edición.

Este percorrido, que conxuga tradición, gastronomía e festa, manterá un esquema moi similar ao de edicións anteriores. Comezará ás 19h. coa apertura ao público das adegas, un total de sete. Para poder visitalas e participar na ruta será preciso mercar unha entrada (de 12 euros) no posto situado na praza da vila.

A cambio, recibirase unha cunca de barro na que se poderán degustar os viños de cada unha das covas, xunto con variados petiscos Ademais de empanada, embutidos, queixos variados ou tortilla, tamén se está valorando volver a servir paella, tras a boa acollida da pasada edición, segundo adianta a concelleira de Turismo do Barco, Irene Dacal.

O percorrido estará animado polo son da charanga Terras do Bibei. Arredor das once da noite as adegas comezarán a pechar as súas portas e a festa continuará na praza coa actuación musical da Banda de Mazinguer ata a madrugada. Este XIV Camiño das Covas será novamente organizado pola Agrupación de Adegueiros do Castro en colaboración co Concello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button