EconomíaEconomíaÚltima hora

Cita no Muíño de Bendilló

A XIV Mostra do Aceite de Quiroga, de interese turístico galego, o 18 de maio
A Banda de Gaitas de Quiroga actuando no recinto feiral da pasada Mostra do Aceite, en Bendilló./ Foto:  Carlos G. Hervella
A Banda de Gaitas de Quiroga actuando no recinto feiral da pasada Mostra do Aceite, en Bendilló./ Foto: Carlos G. Hervella

No ano 2000 celebrábase a primeira Mostra do Aceite de Quiroga en Bendilló, promovida dende este concello lucense. Agora este certame, que atrae cada ano a multitude de persoas ata este pobo quirogués, cumpre catorce anos. E faino dun xeito moi especial: estreando a distinción de Festa de Galicia de Interese Turístico. Será ademais nunha edición na que muda a súa data, xa que por primeira vez se celebrará en maio.

Así o Concello de Quiroga deseñou un programa especial con dúas xornadas de actos. A primeira delas tiña lugar o 17 de maio (que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas) e nela presentábase o libro “A freguesía rural de Santa María de Bendilló” do hsitoriador Paulo Nogueira Santiago. O acto celebrábase pasadas as 12:30h. no salón de sesións do Concello de Quiroga. Ademais tiña lugar a entrega de premios dos certames de debuxo e literario do Concello e unha actuación da Banda de Gaitas de Quiroga.

Mañá, domingo 18 de maio, desenvolverase a mostra propiamente dita ao carón do Muíño de Bendilló. A súa inauguración está prevista para as once da mañá. A partir dese momento poderán visitarse as casetas do recinto feiral no que haberá degustacións e venda do aceite de media ducia de produtores do municipio. Ademais instalaranse postos doutros produtos típicos da zona como licores, marmeladas ou doces. E tampouco acostuma faltar un posto con pulpo á feira e churrasco.

Xa ás once e media porase en marcha a antiga maquinaria do muíño de aceite deste pobo, movido pola burra Carolina. Comezará entón a demostración de elaboración tradicional de aceite, unha das actividades que suscita máis interese entre o público da mostra.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil de maio).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button