EconomíaEconomíaÚltima hora

Cividanes anuncia un foro de financiamento para os mellores proxectos dos coworking ourensáns

O director do Igape participou hoxe en Celanova na clausura da aceleradora, onde unha vintena de emprendedores presentaron as súas iniciativas levadas a cabo nos espazos de coworking ourensáns
Juan Cividanes.

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe, 13 de decembro, en Celanova o “completo catálogo de servizos e axudas que a Xunta pon a disposición das novas empresas, no peche do coworking Celanova-Terras da Limia”. A cita de hoxe era un “demoday” onde os 20 emprendedores participantes nesta segunda edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Durante a súa intervención, Cividanes salientou que os novos empresarios “poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas”. Deste xeito, lembroulles que, a través do Igape, poderán seguir accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, “así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos”.

Os emprendedores que desenvolveron os 19 proxectos empresariais neste espazo coworking, que impulsa a Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por ámbitos de actividade tan diversos como son servizos tecnolóxicos apoiados nas TIC, o sector da moda ou produtos relacionados coa valorización de recursos do territorio como o turismo ou os produtos agroalimentarios.

O director do Igape amosouse convencido de que “os proxectos empresariais servirán para dinamizar economicamente as comarcas do sur de Ourense, con novas empresas relacionadas co turismo sostible e as actividades de ocio que poñen en valor a natureza e o patrimonio da provincia”.

Cividanes, ademais, avanzou que a comezos do próximo ano “se prevé organizar un foro de investimento no que participen os mellores proxectos de todos os espazos coworking para facilitarlles o acceso a potenciais investidores, a través da Rede Galega de “Business Angels” ou de XesGalicia”. Destacou, tamén, que se prevén activar de novo, en datas próximas, as axudas a través de programas como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende.

O obxectivo fundamental das iniciativas de “coworking”, que contan con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Artigos relacionados

Back to top button