CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Claudia González e Mauro Docampo representarán ao Barco na Mostra Musical do Eixo Atlántico

Este certame celebrarase na fin de semana do 5 e 6 de maio na localidade lusa de Vila Real e contará con máis de 300 participantes

 

Claudia González, alumna do Conservatorio do Barco, durante un ensaio./ Foto cedida.

Coa fase previa de selección de finalistas porase en marcha ás nove da mañá do 5 de maio a VI Mostra Musical del Eixo Atlántico, que se celebrará en Vila Real (Portugal). Nela participarán máis de 300 músicos chegados de 20 localidades diferentes e entre os que haberá dous valdeorreses. Trátase de Claudia Gonzalez García (saxofón) e de Mauro Docampo Gacio (gaita) que representarán ao Concello do Barco neste concurso internacional. Claudia González interpretará “Baguira” de Ferrer Ferrán e “Pequeña Czarda” de Pedro Iturralde, mentres que Mauro tocará “Capricho de Gaita” de Agustín Fernández e “Campo de Estrelas” de Ernesto Campos.

A fase de selección de finalistas concluirá ás seis da tarde. Nela haberá corenta actuacións, que terán lugar entre o Teatro Municipal de Vila Real e o Conservatorio Rexional. Na xornada do domingo 6 de maio terá lugar a fase final, coa actuación dos músicos seleccionados (ata un máximo de 18) no Teatro Municipal en horario de mañá. A cerimonia de entrega de premios está programada para as tres da tarde no propio teatro.

 

Mauro Docampo, tamén alumno do Conservatorio do Barco, tocando a gaita./ Foto cedida.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button