ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Clausura da XX Semana da Natureza no Barco

No acto entregáronse os premios dos diferentes concursos sobre o cambio climático

“Non cambies o clima, cambia ti”. Con ese lema desenvolvíase a XX edición da Semana da Natureza organizada pola concellería de Medio Ambiente do Barco de Valdeorras, na que participaron un total de 2.007 alumnos dos diferentes centros escolares.

O broche a un completo programa de actividades que incluíu, exposicións, funcións de monicreques e proxeccións que se celebraron entre os meses de marzo e maio, tiña lugar na tarde do 8 de xuño, no Teatro Lauro Olmo, coa entrega de premios dos diferentes concursos nos que participaron 697 rapaces.

O acto de clausura comezaba coa actuación musical de dous dúos do conservatorio do Barco (saxofón-piano e viloncello-piano) e de seguida tiña lugar a entrega de premios aos gañadores dos concursos xa tradicionais desta actividade educativa sobre o medio ambiente: de video, de redacción, de fotografía e de debuxo.

Os últimos en entregarse eran os cheques por valor de 500, 200 e 100 euros aos gañadores do I congreso de educación ambiental nos centros de ensino do Barco, a gran novidade deste ano, que nacía coa pretensión de que os alumnos elaborasen proxectos realistas e executables no Barco ou nos arredores, para reducir as emisións de CO2 e a pegada que deixamos cando derrochamos ou consumimos de forma descontrolada. O primeiro premio foi para o proxecto do CEIP Condesa de Fenosa “Moitas mans pequenas fan cousas moi grandes”; o segundo foi para o IES Martaguisela pola proposta “Reducir antes que depurar: a auga, e reducir antes que reciclar: o papel”; e o terceiro para o CEIP Julio Gurriarán por “As árbores de ribeira, no contorno do río Sil, ao seu paso polo Barco”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button