EconomíaEconomíaÚltima hora

Clausúrase en Ribas de Sil o obradoiro de emprego Sillor V

Este programa formativo estaba compartido polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel e nel participaron unha vintena de persoas

 

Un total de 20 persoas veñen de formarse en especialidades do sector da construción no obradoiro de emprego Sillor V,  que compartiron os concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga. Esta acción formativa clausurábase na mañá deste 21 de agosto nun acto en Ribas de Sil que contaba coa presenza do delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 317.000 euros neste programa, que proporcionou formación teórica e práctica en materias relacionadas co sector da construción: Operacións auxiliares de albanelaría, fábricas e cubertas (7 alumnos traballadores en Quiroga e 6 en Ribas de Sil) e operacións de revestimentos continuos en construción (7 alumnos en Folgoso do Courel).

Os participantes adquiren tamén experiencia laboral e contan cun contrato de traballo durante os nove meses en que se desenvolve o obradoiro. Nese tempo, realizan importantes obras e servizos nos municipios que os acollen.

Neste caso, en Ribas de Sil traballaron na construción do Museo da Minaría Romana; en Folgoso do Courel, na rehabilitación das escolas da Teixeira e O Carballal para centros sociais e no acondicionamento interior do centro social de Sobredo; e en Quiroga, na mellora do pavillón polideportivo municipal, a renovación do pavimento de lousa de varias rúas e o pintado das aulas do colexio.

Xa está en marcha unha nova convocatoria deste programa polo que proximamente comezarán os novos obradoiros coa previsión de continuar executando proxectos de interese para os municipios lucenses.

Artigos relacionados

Back to top button