En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Clausúrase na Veiga o obradoiro de emprego “Concellos rurais de Valdeorras”

20 persoas desempregadas de Rubiá, O Bolo, Larouco, A Veiga e Carballeda participaron no programa

O salón de actos do Toural, na Veiga, acollía no mediodía do 5 de abril a clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Concellos rurais de Valdeorras”, promovido polos concellos da Veiga, O Bolo, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras.

O acto, contou coa presenza de alcaldes e concelleiros dos diferentes municipios así como da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quen puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, “incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes no sector da xardinería”.

Durante os seis meses que durou esta iniciativa laboral, logo da súa etapa inicial de formación, os 20 alumnos  que participaron puxeron en práctica os coñecementos adquiridos. No concello da Veiga remodelaron e acondicionaron o entorno da Praia de Coiñedo (onde tomarían un aperitivo trala clausura); en Carballeda de Valdeorras executaron o acondicionamento dos camiños Regueiro de Augas e o de Inverno, no lugar de Pumares, amais de acondicionar a travesía de Sobradelo. O camiño de Inverno ao seu paso por Quereño, pertencente ao concello de Rubiá, tamén foi remodelado; en Larouco, o alumnado adicouse á recuperación de zonas verdes das piscinas municipais, de Freixido, e da zona das escolas en Seadur. Por último, polo que respecta ao concello do Bolo, axardinaron o espazo de entrada á igrexa de Tuxe.

Este obradoiro contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros, e a delegada explicou que este ano inclúense diversas novidades no programa. Unha delas é que “a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción”. Ademais, ampliarase a duración ata os nove meses; os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación; primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos; e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas. Díaz Mouteira tamén avanzou que o vindeiro luns 10 de abril sairá publicada no DOG unha nova edición do programa específico para obradoiros dirixidos a menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil.

Durante a súa intervención, o alcalde da Veiga Juan Anta, anfitrión do acto, deu as grazas a alumnos e profesores, adiantando que xa ten solicitado outro obradoiro de emprego.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button