EconomíaEconomíaÚltima hora

Clausúrase o obradoiro de emprego “Ribeiro 3.0” en Beade

Neste proxecto formativo, con 20 alumnos, participaban os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro

 

O obradoiro de emprego Ribeiro 3.0 na Mancomunidade de Concellos do Ribeiro clausurábase esta mañá. O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, presidía o acto de entrega aos 20 alumnos do obradoiro Ribeiro 3.0 no que a Consellería de Emprego e Igualdade investiu preto de 485.000 euros.

Promovido pola Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, neste proxecto participaron os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro; desenvolvendo actuacións de mellora e sinalización da área recreativa da Vila Termal en Arnoia; de acondicionamento do espazo da fonte pública en Beade; de acondicionamento da Praza de A Pena e reposición de cuberta de lavadoiro en Cuñas, Cenlle; obras de rehabilitación da fonte-lavadoiro en A Torre, Cortegada; e acondicionamento da entrada e instalación dunha nova cuberta nos vestiarios do campo de fútbol de San Bartolomé en Leiro.

Neste acto, Alén anunciaba o inicio inmediato dunha nova edición desta iniciativa laboral, tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade.

 

 

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado polos alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio; de Beade, Senén Pousa; de Cenlle, José Manuel Rodríguez; de Cortegada, Avelino de Francisco, e de Leiro, Francisco José Fernández, agradeceu ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e nas operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas”. Ademais, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para incorporarse con forza ao mercado de traballo”.

Artigos relacionados

Back to top button