EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

As claves para transmitir a información, no 4º Foro da Comunicación de Galicia

Este encontro, que contaba coa participación dunha ducia de destacados relatores, desenvolvíase o 4 de novembro en Expourense

Unha ducia de relatores e 150 asistentes participaban no 4º Foro da Comunicación de Galicia, que se celebraba o 4 de novembro en Expourense. Neste encontro cobraba especial protagonismo o mundo online e a estratexia de marca. A conferencia inaugural corría a cargo do director do programa de dirección en comunicación corporativa IE Business School, Enrique Sueiro, quen explicaba as claves do principio PePa (Primeiro as Persoas, Despois os Papeis) indicando que “comunicar de xeito entrañable e humán é empresarialmente sostible e rendible” e que se necesita “escoitar para comprender, ser honestos e verdadeiros e transmitir coherencia contando o que se fai e facendo o que se di”.

De seguido tiña lugar unha mesa redonda sobre estratexias de transformación dixital e na que participaron responsables de comunicación e social media de empresas galegas punteiras como Estrella Galicia, Galejobs, R Cable e Elogia. Ademais o xornalista Luis Fraga na súa ponencia “podemos levarnos ben?” explicou que as claves para un bo entendemento entre directores de comunicación (DIRCOM) e xornalistas son o emprego de información veraz, honesta e de interese. A sesión de mañá concluía coa intervención de Emilio de Benito, xornalista e presidente da Asociación Nacional de Informadores da Saúde, centrada no tratamento da información sobre saúde.

Xa pola tarde o programa encetábase unha conferencia sobre Marketing político de man de Xavier Martínez Rolán, profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo; seguida doutra do responsable de desenvolvemento de negocio de Google para España e Portugal, Adolfo Fernández, quen falou sobre as oportunidades e as sinerxias da comunicación on-line indicando que os fundamentos do marketing non teñen cambiado coas novas tecnoloxías “o marketing é o de sempre, construír marcas, é dicir, crear coñecemento e chegar ao consumidor de xeito eficiente creando historias que conecten a través das emocións.

Tamén acudía a este foro un dos publicistas españois de maior relevancia, Marçal Molíné, quen facía un repaso pola súa traxectoria “De Bernbach a MMLB” e apuntaba que “os fundamentos do traballo publicitario son os mesmos que antes da existencia das redes sociais, buscar o impacto, pero hai que adaptarse a elas. O fondo é o mesmo pero cambian as formas”. A conferencia de clausura estaba en mans de José Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España e de Freixenet, así como do Foro de Marcas Renombradas Españolas. Referíase tamén ao proceso de internacionalización con marca, utilizando como estratexias principais o marketing e a comunicación.

O programa de intervencións completabáse cunha Área Expositiva na que distintas asociacións profesionais e empresas amosaban os seus produtos e servizos: AVANTE, Galejobs, TAC!, a revista especializada Rúbrica, DIRCOM, Markea, Galicia Calidade ou a Asociación Galega de Ferias e Eventos – AGAFE.

Para organizar o programa deste Foro, Expourense contou coa colaboración activa das facultades vencelladas coa Comunicación da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago, o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia e asociacións como MARKEA (Asociación Galega de Marketing), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia), Creatividade Galega e da Asociación Galega de Deseñadores Gráficos.

Unha vez rematado o Foro, dábase paso ao acto de entrega dos Primeiros Premios da Comunicación e Marketing de Galicia, denominados “Premios Paraguas” promovidos polo Clúster da Comunicación Gráfica.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button