ConcellosÚltima hora

Co magosto voltan as “Merendas con contos” a Sober

A Biblioteca Municipal desta vila encetará o venres 4 de novembro unha nova edición desta iniciativa cultural
Imaxe dunha das actividades realizadas nunha edición anterior das "Merendas con contos" de Sober./ Foto: Concello de Sober.
Imaxe dunha das actividades realizadas nunha edición anterior das “Merendas con contos” de Sober./ Foto: Concello de Sober.

Repleto de actividades volta á Biblioteca Municipal de Sober o programa de animación á lectura “Merendas con Contos”. Celebrarase cada venres (en horario de 17:30 a 19:00 horas) e encetarase o día 4 de novembro cun magosto onde os nenos e nenas pasarán una divertida tarde xogando, comendo castañas e elaborarán un mural sobre o outono.

A seguinte cinta será o día 11 pola tarde. Desta volta os máis pequenos visitarán unha explotación gandeira na parroquia de Mer onde coñecerán esta profesión de primeira man. O venres 18 as Merendas con Contos estarán dedicadas ao mundo teatral. A compañía de monicreques “A Xanela do Maxín” deleitará aos cativos cun espectáculo de teatro de sombras, segundo se informa dende o Concello de Sober.

E xa o último venres do mes, día 25, os rapaces poderán participar nun obradoiro de igualdade, onde deseñarán lazos para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero. Ademais lerán diversos contos que fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

O alcalde do Concello soberino, Luis Fernández Guitián, puxo en valor esta exitosa iniciativa das Merendas con Contos que ten como finalidade “ofrecer un espazo lúdico e cultural para que os nosos nenos e nenas se familiaricen coa biblioteca e coa lectura”.

Artigos relacionados

Back to top button