En portada

Cogomelos, os sabores silvestres

Este será o primeiro outono no que se aplicará o decreto da Consellería do Medio Rural que regula a recollida destes froitos do bosque
O micólogo valdeorrés Cristóbal Ruiz Leivas, observando un cogomelo./ Foto: Carlos G. Hervella.
O micólogo valdeorrés Cristóbal Ruiz Leivas, observando un cogomelo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende finais de setembro os afeccionados están xa a recoller en zonas como Valdeorras verdadeiros manxares, como a Amanita caesarea. “A esta especie veulle moi ben a auga, pero agora ten que estar o terreo seco para que rompa porque, se segue chovendo, pode pudrir por baixo. En cuestión de cogomelos o o tempo é relativo, non todos necesitan a mesma auga nin o mesmo calor, pero si é certo que para os máis interesantes a nivel gastronómico, como os Boletus ou o Lactarius deliciosus, está vindo un outono estupendo”, asegura o micólogo barquense Cristóbal Ruiz Leivas. Este experto considera a Valdeorras unha zona micolóxica privilexiada en Galicia, “é onde máis variedades existen”.

Tamén no resto da provincia se presenta un bo outono micolóxico. “Ata mediados de setembro apenas se vía nada, a non ser en zonas de praderías, pastizais ou ribeiras dos ríos. Pero coas chuvias houbo un brote bastante importante de Boletus, dalgunhas Russulas e de champiñón campestre. Son os que aparecen primeiro porque lles gusta máis o calor. A evolución é un pouco imprevisible, dependerá do tempo. O ideal é que se manteña un grao de humidade determinado con temperaturas suaves”, explica o veigués Juan José Martínez, da Asociación Micolóxica Os Cogordos de Ourense.

Para o rues Julián Alonso, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, falar de tempada de cogomelos é algo relativo, xa que se dan todo o ano. “O que hai é momentos con maior ou menor presenza. No inverno vense poucas especies, en primavera e no verán ás veces hai moitas. Os cogomelos son as fructificacións de certos fungos que os producen se hai un nivel de humidade suficiente. Aínda que é certo que no outono vén o groso”. Tamén prevé para zona interior de Lugo un comezo de outono forte en canto a cogomelos.

Este será ademais o primeiro outono con recollida regulada en Galicia. Aplicarase o Decreto 50/2014, do 10 de abril; que establece tres tipos de aproveitamentos micolóxicos: para consumo propio (cun máximo de 2 kg por persoa e día, sempre que non sexan produto de plantación), comercial (precisa de autorización do propietario do monte) e científico (cun límite na recollida de 5 unidades representativas enteiras por especie). Esta é unha das primeiras medidas da Consellería do Medio Rural de cara a pór en valor o recurso micolóxico.

Texto: Ángeles Rodríguez
A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel de outubro do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close