OurenseÚltima hora

Colaboración entre Deputación de Ourense e Sogama

50 concellos ourensáns beneficiaranse da campaña de compostaxe doméstica deste ano que ten un orzamento de 40.000 euros
O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Co obxectivo de formar e informar sobre a reciclaxe doméstica da materia orgánica ademais de servir de promoción e fomento de boas prácticas medioambientais, a Deputación de Ourense vén de asinar con Sogama o convenio de cooperación para a realización da campaña de compostaxe doméstica 2015 na provincia de Ourense, en cincuenta municipios adheridos aos convenios de cooperación para a xestión delegada do servizo de recollida de RSU.

Ademais de subministrar os composteiros, esta actuación pretende “realizar xornadas divulgativas, e no referente a isto, como novidade este ano, proponse a inclusión duns puntos de divulgación mediante a instalación de carpas de sensibilización social” explican dende a Deputacion. A campaña abrirase para tódolos cidadáns residentes nalgún dos cincuenta concellos aos que a Deputación lles presta o servizo de recollida de RSU en réxime de competencias delegadas, incluíndo á última adhesión do ano 2015 que é o Concello de Vilariño de Conso.

A campaña de compostaxe doméstica 2015 na provincia de Ourense contempla un orzamento de 40.000 euros dos que a Deputación Provincial sufragará o 50% do importe e Sogama asumirá o 50% restante, polo tanto, aportará cada unha das entidades que asinaron o convenio, 20.000 euros, encargándose a Deputación de Ourense de coordinar todo o proceso, asumindo directamente a dirección e supervisión dos traballos a executar, tanto en relación á dotación de medios materiais como en torno á propia operativa de formación, seguimento e divulgación.

Artigos relacionados

Back to top button